Nova: Saen á luz restos arqueolóxicos de diferentes épocas no claustro da Catedral de Lugo
05/12/2020
Saen á luz restos arqueolóxicos de diferentes épocas no claustro da Catedral de Lugo
O conselleiro de Cultura e o delegado territorial de Lugo visitaron as sondaxes que está realizando a Xunta co fin de avaliar o sistema construtivo e a potencialidade arqueolóxica desta zona de cara a futuras actuacións de restauración
A actuación iniciouse o pasado mes de novembro e o traballo de campo está a piques de rematar tras descubrir varios muros romanos e medievais e unha necrópole de tumbas rectangulares
Lugo, 5 de decembro de 2020.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron a Catedral de Lugo onde o Goberno galego está realizando unha serie de sondaxes arqueolóxicas na zona do claustro coa finalidade de avaliar o sistema construtivo e a potencialidade arqueolóxica de cara a as actuacións que están previstas no proxecto de restauración do claustro, que actualmente se atopa en fase de redacción, e no que a Administración autonómica investirá 500.000€ en 2021.
Durante a súa visita, o titular de Cultura e Educación comprobou o estado das tres sondaxes avaliativas que se están levando a cabo desde o pasado mes de novembro nunha superficie duns 18 metros cadrados e que están permitindo constatar unha superposición de restos arqueolóxicos de diferentes épocas históricas que van desde época romana ata a actualidade.
Concretamente, os traballos de campo, que están a piques de rematar, sacaron á luz un muro de cachotería de lousa aglutinada con argamasa. Trátase dunha construción da época romana que apareceu no oeste do claustro e que semella continuar en ángulo recto e en dirección norte. Así mesmo, tamén se constatou a aparición duns muros que poderían formar parte do antigo claustro medieval da Catedral.
Por outro lado, as sondaxes arqueolóxicas tamén están servindo para documentar, por riba dos anteriores muros, unha necrópole de tumbas rectangulares de laxas de lousa. Neste punto existe unha clara superposición deste tipo de enterramentos, algúns dos cales conservan aínda restos de ósos humanos que nestes momentos están en fase de estudo e que poderían permitir datar a dita necrópole.
Actuacións da etapa barroca
A actuación está constatando tamén os traballos desenvoltos durante a etapa barroca da Catedral, como é o descubrimento da bancada de cimentación da sancristía, construída a finais do século XVII por Domingo de Andrade e tamén os muros de cimentación das tres pandas do claustro barroco (1705-1714). Todas estas obras romperon a secuencia estratigráfica das etapas anteriores e nas que, ademais, se observa o reaproveitamento de elementos arquitectónicos de época medieval.
Durante a súa visita, Román Rodríguez puxo en valor o importante compromiso da Xunta de Galicia co patrimonio histórico, artístico e cultural de Galicia que se reflicte nos orzamentos presentados para o vindeiro ano nos que se contempla un incremento do 19% nos fondos destinados a conservación e rehabilitación.
Neste contexto, precisou que o patrimonio lucense ocupará un lugar destacado e que ao longo do vindeiro exercicio, ademais das actuacións previstas na Catedral, o Goberno galego achegará máis dun millón de euros a actuación vencelladas coa Muralla romana. Así mesmo, salientou que este ano están en marcha as obras no mosteiro de San Francisco que, mediante unha achega de 750.000 euros, permitirán a posta a punto deste sobranceiro ben que constitúe un dos inmobles máis singulares da cidade.