Nova: Inaugurada a exposición 'Prova' de Patricia Barbosa, VIII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que conta co apoio da Xunta

29/12/2020
Inaugurada a exposición 'Prova' de Patricia Barbosa, VIII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que conta co apoio da Xunta
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na apertura da mostra en Lugo e que posteriormente será itinerante por toda Galicia e Portugal
Lugo, 29 de decembro de 2020.- A partir de hoxe e ata o día 31 de xaneiro de 2021 permanecerá aberta ao público a mostra Prova, da fotógrafa Patricia Barbosa, que obtivo o VIII Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta tarde na inauguración da exposición, que conta co apoio da Xunta de Galicia e poderá visitarse na sala de exposicións do Pazo de San Marcos para, posteriormente, iniciar unha itinerancia por diferentes espazos de Galicia e Portugal.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou a calidade creativa así como o intenso traballo de investigación levado a cabo por Patricia Barbosa e que se plasma no conxunto de fotografías desta mostra. A través de álbums fotográficos, documentos e entrevistas a artista portuguesa aborda o pasado colonial do seu país de orixe.
O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea −do que a Xunta é fundador no ano 2013− foi creado co obxectivo de promover e incentivar a creación fotográfica aberta tanto a autores nacionais como estranxeiros. O premio leva aparellado tamén a edición dun libro editado por Difusora de Letras Artes e Ideas, para distribuír en librerías.