Nova: Román Rodríguez destaca que a rehabilitación de San Pedro “é un gran paso na recuperación do patrimonio lucense”
23/01/2021
Román Rodríguez destaca que a rehabilitación de San Pedro “é un gran paso na recuperación do patrimonio lucense”
A actuación dotada con 750.000€ é unha das maiores apostas da Xunta nun ben histórico e permitirá resolver os danos existentes e mellorar a súa conservación
O Goberno galego dedica un importante esforzo orzamentario no patrimonio lucense, no que leva investidos máis de 5M€ nos últimos anos
Lugo, 23 de xaneiro de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe a igrexa do mosteiro de San Francisco de Lugo, actual igrexa de San Pedro, onde a Xunta de Galicia iniciará nos vindeiros días un proxecto de rehabilitación. Trátase dunha actuación que conta cun orzamento superior aos 750.000 euros e un prazo de execución de 11 meses que suporá “un gran paso na recuperación do patrimonio lucense” e permitirá a posta a punto deste sobranceiro ben.
Durante a súa visita á cidade da Muralla, Román Rodríguez, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que Lugo ocupa un lugar destacado no compromiso do Goberno galego co patrimonio cultural. Este compromiso, sinalou, reflíctese no esforzo orzamentario que fai a Administración autonómica, que nos últimos anos leva investido máis de 5M€ para poñer en valor unha decena de bens, e na aposta decidida que se fai agora na igrexa de San Pedro. “Os traballos de rehabilitación que a Xunta vai poñer en marcha nesta igrexa supoñen unha das maiores apostas pola conservación e restauración dun ben histórico que se fai en Galicia”, subliñou.
Neste contexto, destacou que o patrimonio cultural é un “dos piares fundamentais da nosa identidade” e por iso sempre é importante apostar pola súa conservación e posta en valor “especialmente nunha cidade como Lugo que conta con algúns dos bens máis senlleiros da nosa Comunidade como son esta igrexa, a súa Catedral ou a Muralla Romana coa que estamos fortemente comprometidos”.
Proba deste compromiso, tal e como engadiu, é que o Goberno galego impulsou máis de 60 actuacións e dedicou máis de 10 millóns de euros desde que a Muralla foi recoñecida como Patrimonio Mundial pola Unesco. “Este ano continuaremos traballando na súa conservación coa redacción dun Plan Director e a posta en marcha de varias actuacións”, afirmou antes de lembrar que esta mesma semana saíron a licitación os traballos para restaurar o lenzo entre os cubos XXX e XXXI.
Problemas de humidade
A actuación que se levará a cabo neste Ben de Interese Cultural (BIC) permitirá resolver as patoloxías existentes no ben, así como mellorar as condicións de confort do inmoble. Neste contexto, os traballos centraranse fundamentalmente en resolver os problemas de humidade procedentes das filtracións existentes na cuberta e nas fábricas.
Ademais mellorarase a imaxe do monumento harmonizando os acabados dos paramentos exteriores e incidirase na conservación do cruceiro e de elementos construtivos e decorativos de alto valor histórico artístico como son a portada histórica, o rosetón sur, a cornixa moldurada pétrea, o vanos góticos ou os contrafortes das capelas da cabeceira. Ademais, os traballos tamén incluirán a avaliación arqueolóxica na cabeceira da igrexa.
Para poder desenvolver os traballos necesarios, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Lugo para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa do mosteiro de San Francisco de Lugo.
Vinculada ao bispo Pedro López
A igrexa de San Pedro está protexida polo seu valor cultural ao ter a consideración de ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento desde xuño de 1931. A data da súa construción sitúase na metade do século XIV e está vinculada ao bispo Pedro López de Aguiar, que desenvolve unha gran actividade construtiva xa que, ademais de iniciar a súa construción, intervén na fundación do convento das dominicas da Nova (1363) e a construción da capela de San Froilán na Catedral.
A planta da igrexa de San Pedro é de cruz latina dunha soa nave de cinco tramos e cruceiro con cuberta de madeira e cabeceira de tres ábsidas poligonais con bóvedas de cruzaría. A súa construción reflicte a influencia do estilo ourensán, ademais de ser orixe dun taller específico lucense como consecuencia da actividade construtiva simultánea na catedral e nos conventos mendicantes.