Nova: Contacontos especiais para o Nadal na Biblioteca Pública de Pontevedra

23/12/2014

Contacontos especiais para o Nadal na Biblioteca Pública de Pontevedra

Cultura  organiza nestas datas máis 70 actividades nos museos e bibliotecas que del dependen dela

  • Programación especial para o Nadal na Biblioteca Pública de Pontevedra Programación especial para o Nadal na Biblioteca Pública de Pontevedra

Santiago, 23 de decembro de 2014.- A Biblioteca Pública de Pontevedra ‘Antonio Odriozola’, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, celebra esta Nadal cunha programación especial de actividades de contacontos dirixida, fundamentalmente, aos máis novos da casa; no marco da oferta de lecer organizada para estas datas polo departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad, con máis 70 actividades nos museos e bibliotecas que del dependen en toda a xeografía galega.

O contacontos ‘Maxia no nadal’ chegará da man de Leo Leiño á biblioteca os días 26 de decembro e 2 de xaneiro. De entrada libre ata completar aforo, será unha divertida sesión de maxia na que se mesturará a narración de historias, os xogos e a participación dos asistentes, nenos e adultos.

Cómpre lembrar, ademais, que está aberta tamén neste centro bibliotecario a campaña ‘Quitapenas. Nós quitámosche as penas, e ti quítasllelas a outros’, a través da que todos os usuarios que o desexen poderán ‘liberarse’ das sancións polo retardo en devolver os préstamos achegando produtos alimenticios non perecedoiros, que irán destinados ao Banco de Alimentos de Vigo, que abastece a toda a provincia de Pontevedra. Asemade, nesta biblioteca púxose en marcha unha campaña solidaria de recollida de libros, que rematará o venres 2 xaneiro de 2015. As persoas que desexen participar poden depositar os seus libros de lectura, para nenos de 0 a 14 anos, novos ou de segunda man en perfecto estado na sala infantil da biblioteca, beneficiándose deste xeito coa anulación das sancións polos atrasos na devolución.

Asemade, na Antonio Odriozola pódese visitar ata o 8 de xaneiro a exposición ‘Xogos Populares’, a cargo da Concellaría de Xuventude do Concello do Grove. Esta mostra exhibe máis de 40 xogos tradicionais galegos, moitos relacionados coa propia provincia, e ofrece a posibilidade de xogar con varios deles. Así mesmo expóñense máis de 20 libros de xogos populares e tradicionais galegos da organización, e outros xogos, libros e fotografías que forman parte dos fondos da propia Biblioteca Pública de Pontevedra.

Comparte