Nova: Ofrenda-homenaxe a Montero Ríos con motivo do centenario do seu pasamento
23/12/2014
Ofrenda-homenaxe a Montero Ríos con motivo do centenario do seu pasamento
Santiago, 23 de decembro de 2014.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou hoxe na ofrenda-homenaxe que Santiago de Compostela lle rendeu a un dos seus fillos ilustres, Eugenio Montero Ríos, no ano no que se conmemora o centenario do seu pasamento.
Nun acto conxunto de entidades e institucións representativas da cidade compostelá e de Galicia, Anxo Lorenzo referiuse a Montero Ríos como “unha das pezas fundamentais para comprender a modernización das institucións que nos gobernan e a formación dunha consciencia democrática nas estruturas nas que nos inserimos”. “Atopámonos –dixo– ante unha mente lúcida e brillante da política española de todos os tempos, cunha pegada especial no complexo tránsito do século XIX para o XX, cando as estruturas do poder experimentaron un cambio profundo”.
O secretario xeral tamén destacou o acto de homenaxe como “un recoñecemento público e un tributo de gratitude para quen aparece como un destacado mecenas e impulsor da nosa arte, e como un home comprometido coa nosa cultura”.