Nova: O concerto solidario Cancións por regalos contará coa música de Mastretta

27/12/2014

O concerto solidario Cancións por regalos contará coa música de Mastretta

O compositor e a súa banda subirán ao escenario do Museo Centro Gaiás a partir das 18 horas para convidar a pais e nenos a ser directores de orquestra, músicos ou bailaríns a cambio dunha entrada moi especial: un regalo

A programación infantil desta semana complétase cos obradoiros ‘Cine de plastilina’ e ‘O meu videoclip’, e as visitas familiares á exposición ‘Cinegalicia25’

Ata o 6 de xaneiro haberá un punto solidario de recollida de xoguetes que Cáritas repartirá entre as familias que máis o precisen

  • Mastretta Mastretta
  • Mastretta Mastretta

Santiago, 27 de decembro de 2014.- Por terceiro ano consecutivo no Gaiás celébrase o concerto solidario ‘Cancións por regalos’, unha iniciativa redonda na que todos gañan: os espectadores unhas cantas cancións para o recordo e os nenos que máis o precisan un regalo o Día de Reis.

‘Cancións por regalos’ terá lugar este sábado, 3 de xaneiro, a partir das 18 horas e estará a cargo dun músico excepcional: Nacho Mastretta. Acompañado dunha divertida banda (Marina Sorin, violonchelo e phonoviolín; Pablo Novoa á guitarra e Coke Santos á percursión), Mastretta convidará a pais e fillos a gozar da música a través de xogos nos que converterse en intérpretes, directores de orquestra ou bailaríns.

A entrada, como sempre, será o regalo que ti elixas e que a ONG Iniciativa Social Berce se encargará de recoller e repartir o Día de Reis entre os que máis o necesiten.

Obradoiros de cine
Durante esta semana que entra, a Cidade da Cultura acollerá outros dous obradoiros creativos pensados para que nenos e pais interactúen. O luns, 29 de decembro, será nunha cita co sétimo arte a través do obradoiro ‘Cine de plastilina’. Coincidindo co 25 aniversario de ‘Sempre Xonxa’, a xa mítica película de Chano Piñeiro e pioneira do cinema galego, os participantes –a partir de 9 anos- modelarán en plastilina e darán vida aos seus personaxes para crear unha película en stop motion. O 30de decembro, pais e nenos a partir de 6 anos están chamados a realizar o seu videoclip do 2014.

Os dous obradoiros comezarán ás 16:30 horas e, a excepción de ‘A árbore das ilusións’ que é de balde, teñen un custo de 3 euros. As entradas xa están á venda en www.servinova.com (+gastos de xestión) e no Punto On da Cidade da Cultura.

Visitas familiares a ‘Cinegalicia25’
Durante as fins de semana de Nadal tamén é posible descubrir a exposición ‘Cinegalicia25’ dunha outra forma. Nenos e pais descubrirán como cobran vida os seus debuxo favoritos, como se fai unha película ou que segredos se agochan tras as cámaras nunha visita cargada de sorpresas. As visitas familiares a ‘Cinegalicia25’ terán lugar todos os sábados e domingos ata o 4 de xaneiro, sábados ás 17:00 horas e os domingos ás 11:30 e 17:00 horas. A entrada é de balde mais é preciso preserva previa en www.cidadedacultura.org.

Punto solidario de recollida de xoguetes
O Museo Centro Gaiás ten habilitado ata o 6 de xaneiro un punto solidario de recollida de xoguetes para todas aquelas persoas que desexen contribuír a que os que máis o precisen pasen unhas felices festas. Os xoguetes serán recollidos por Cáritas, que se encargará de repartilos durante estas datas.
 

Comparte