Nova: Bono de descontos para a nova carteleira de teatro galego e portugués en Santiago
29/12/2014
Bono de descontos para a nova carteleira de teatro galego e portugués en Santiago
O público poderá adquirir, por un prezo total de 35 euros, 5 entradas para 5 espectáculos galegos ou lusos dos programados no Teatro Principal, Salón Teatro e Zona C entre os meses de xaneiro e decembro
Os tres escenarios presentan un calendario coordinado de actividade cun total de 87 funcións de 30 montaxes de distintos xéneros e formatos
A medida dá continuidade ao Bono de Teatro Galego (e Português) de 2014
Santiago, 29 de decembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Concello de Santiago na configuración da nova carteleira de teatro galego e portugués que se ofrecerá desde distintos escenarios da cidade entre xaneiro e xuño de 2015, e da súa posta a disposición do público mediante dun bono de desconto específico.
O Salón Teatro, do que é titular a Xunta de Galicia, e os espazos municipais Teatro Principal e Zona C son os tres recintos que forman parte desta iniciativa, coa que se dá continuidade á edición de 2014 do Bono de Teatro Galego (e Portugués). O obxectivo é incentivar o acceso dos espectadores ás 87 funcións programadas das 30 montaxes de distintos xéneros e formatos producidos en Galicia, así como ás propostas lusas que visitan os escenarios composteláns.
Na práctica, a adquisición do bono posibilita obter 5 entradas para 5 espectáculos a un prezo especial total de 35 euros, o que supón un aforro de entre o 20 e o 30 por cento sobre o gasto que supón a compra individual das mesmas localidades. Distribuirase, ademais, un folleto promocional, para que o público poida ter en conta toda a oferta e decidir a súa selección. Os bonos estarán á venda na billeteira do Teatro Principal (de 18 a 21 horas, de martes a sábado) e na do Salón Teatro (os días de espectáculo, desde dúas horas antes do comezo das funcións).
En representación da Consellería, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, compartiu hoxe a presentación desta iniciativa conxunta coa concelleira de Cultura, María Antón, e co director xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.
Vantaxes para creadores e para espectadores
O director da Agadic explicou que esta acción en común, que se inicia xa no momento da planificación da programación por datas e espazos, propicia múltiples vantaxes que redundan en beneficio tanto dos creadores como dos espectadores. “Así, dunha banda, as compañías poden estimar como espazo común de presentación para as súas propostas esta especie de ‘plataforma integrada de exhibición’ que reafirma unha vez máis a Compostela como capital cultural. E por outra parte, a coordinación na xestión favorece a participación do público, que ten deste xeito garantida unha mellor organización nas datas de programación, ademais dunha óptima asignación entre espazos e espectáculos segundo as especiais características formais de cada título”, expresou.
Jacobo Sutil fixo tamén unha referencia especial á programación do Salón Teatro, espazo do que dixo que ao longo do semestre próximo revalidará o seu compromiso cos espectadores galegos a través da continuidade das súas tres principais liñas programáticas: acoller teatro galego, incluír producións de todo o ámbito da lusofonía e ser a sede natural de exhibición das montaxes producidas ou participadas polo Centro Dramático Galego como única compañía de teatro pública de Galicia. “Neste último apartado, proxectos xa anunciados que vertebran a nova temporada como ‘Xardín suspenso’, ‘Ganas de ouvear’ ou ‘Pangeia’, entre outros, serán recibidos polo Salón Teatro nos vindeiros meses”, engadiu.
Propostas galegas e portuguesas
A programación desta carteleira iníciase con Teatro do Noroeste e a obra ‘Selección natural’ (7 e 8 de xaneiro no Teatro Principal), para continuar con Teatro do Morcego e ‘Diálogo do can co seu amo’ (16, 17 e 18 de xaneiro no Salón Teatro), Compañía Internacional de Teatro de Repertorio Arte Livre (20 e 21 de xaneiro no Teatro Principal), Teatro Bruto con ‘O amor dos infelizes’ (22 de xaneiro no Salón Teatro) e Elefante Elegante con ‘Kassa’ (do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro no Salón Teatro).
No mes de febreiro, Producións Teatrais Excéntricas presentarán ‘Bobas&Galegas Mofa e Befa no Século de Ouro’, (Teatro Principal, días 4 a 7), e tamén actuarán Producións Dispersas con ‘Falándolle a un espello’ (do 4 ao 8 na Zona C), Companhia de Teatro de Braga con ‘Um Picasso’ (día 11 no Salón Teatro), Nenoscuro con ‘Fragmentos do desterro’ (días 11 e 12 na Zona C), Eme2 Producións con ‘O crédito’ (do 18 ao 22 no Teatro Principal), Butacazero con ‘Supermarket’ (días 19 a 22 na Zona C), Iam1 con ‘Who is inside de camera?’ (do 25 ao 27 na Zona C) e Teatro do Atlántico con ‘O principio de Arquímedes’ (días 27 e 28 no Teatro Principal).
A oferta de teatro galego e portugués continuará con Antón Coucheiro e ‘Psicópata’ (do 4 ao 8 de marzo na Zona C), Centro Dramático Galego (CDG) e ‘Xardín Suspenso’ (do 14 ao 29 de marzo no Salón Teatro), Companhia de Teatro de Almada e ‘O mandarim’ (9 de abril no Salón Teatro), A Artística e ‘Arquitectura da emoción’, ‘Illas Atlánticas’ e mais ‘Verde a tempo completo’ (10 , 11 e 12 de abril, respectivamente, na Zona C), Limiar Teatro e Acaso Danza coa participación do CDG en ‘Pangeia’ (do 15 ao 19 de abril no Salón Teatro), Matrioshka Teatro con ‘C’est la vie’ (16 de abril no Teatro Principal), coa estrea absoluta de ‘In memoriam’ a cargo de O Retrete de Dorian Gray (do 22 ao 26 de abril na Zona C) e coa proposta ‘Ganas de ouvear’ a cargo do Teatre Nacional de Catalunya, CDG e CatroCadeiras (do 23 ao 26 de abril no Teatro Principal).
Xa en maio e en xuño, o público poderá presenciar montaxes como ’30 e tantos ósos’ a cargo de Aporía Escénica, ’Demolición’ por Talía Teatro, ‘No hay trabajo para un payaso viejo’ por Cámara Negra Teatro, ‘Saxo Tenor’ da man do Teatro Nacional Dona María II de Lisboa, ‘Amor Flexible’ por Redrum Teatro, así como do novo espectáculo, aínda sen título, que resultará do Proxecto Nós de colaboración entre a Agadic, o CDG, a Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD), o Teatro Nacional Dona María II, o Teatro Nacional São João de Porto, a Escola Superior de Música e Artes Escénicas (ESMAE) e Porto e a Escola Superior de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa, que se escenificará do 17 ao 21 de xuño no Salón Teatro.