Nova: A Xunta ofrece nove actuacións escénicas ata xuño no Barbanza a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

18/03/2021
A Xunta ofrece nove actuacións escénicas ata xuño no Barbanza a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
O circuíto retoma as funcións organizadas en colaboración cos concellos de Noia e Boiro
A primeira representación, ‘Bernarda’ de Malasombra Producións, terá lugar mañá en Noia
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2021.- A Xunta promove ata xuño un total de nove actuacións escénicas na área dos concellos de Noia e Boiro no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). As funcións, organizadas en colaboración cos mencionados concellos, terán lugar no Teatro Coliseo de Noia e na Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro. A carteleira con todas as funcións e horarios pódese consultar en Cultura de Galicia e no web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
A primeira representación será mañá sábado en Noia, coa obra teatral Bernarda, de Malasombra Producións, unha historia próxima, comprensible e universal sobre o choque xeracional entre proxenitores e fillos. Xa en abril, o día 10, exhibirase neste concello 32m², de ButacaZero, un enredo sobre o confinamento, cheo de poética e un humor tan absurdo como popular, co que todo o público poderá sentirse identificado. En maio será a quenda da danza moderna e contemporánea da man de Kirenia Danza, co espectáculo Instante gradual, o día 17.
Pola súa banda, o concello de Boiro acolle seis representacións teatrais que inclúen pezas específicas para público familiar. Así, para a cativada exhibirase o 26 de marzo As pitas baixo a choiva, de Ghazafelhos, unha adaptación do conto de Ricardo Carvalho Calero sobre dúas galiñas e un neno chamado Ricardiño que xoga con elas.
En abril, o día 9, chega Ummm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Teatro Avento Producións, que mestura cancións, bailes e cores para achegarnos unha historia sobre as diferenzas, a autenticidade e o valor de traballar en equipo. O 23 dese mes representarase Ás para Álex, de Baobab Teatro. Xa en maio, Raquel Queizás exhibirá Cinema de historias da man de Alice Guy o día 7.
Sen estar orientadas aos máis pequenos, o público poderá gozar tamén de 32m², de ButacaZero, o 16 de abril; e de Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións, o 30 de abril.
Máis de 300 actuacións en 40 concellos
A Rede Galega de Teatros e Auditorios retoma así a actividade, suspendida nas últimas semanas por mor das restricións da covid-19, como programa cultural máis intenso e extenso de todos os promovidos pola Xunta. Cómpre salientar, que a programación total deste primeiro semestre ofrece máis de 300 actuacións musicais e escénicas en 40 concellos da Rede. Mobilízanse así contratacións por valor de máis dun millón de euros, cofinanciados entre a Xunta e os concellos asociados.
O circuíto ofrecerá unha nova programación no segundo semestre do ano, para a que xa se poden inscribir as compañías teatrais e grupos musicais que queiran ofrecer os seus espectáculos. O prazo de inscrición está aberto ata o 15 de abril a través do web galescena.gal.