Nova: Román Rodríguez anuncia a contratación da segunda fase da restauración da igrexa de Santa María do Porto en Marín
27/03/2021
Román Rodríguez anuncia a contratación da segunda fase da restauración da igrexa de Santa María do Porto en Marín
O conselleiro de Cultura explica que a Xunta de Galicia investirá 150.000€ para resolver os problemas de humidade
Os traballos centrarase no exterior eliminando filtracións de auga, restaurando a cantería, cambiando as carpinterías e mellorando o seu estado
O Goberno galego ten en marcha unha ducia de intervencións na provincia de Pontevedra “para darlle o mellor futuro ao noso pasado máis sobranceiro”
Marín (Pontevedra), 27 de marzo de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe a igrexa de Santa María do Porto, en Marín, onde, tal e como anunciou, a Xunta de Galicia iniciará os traballos de restauración co obxectivo de poñer en valor este inmoble de alto valor patrimonial que conta con máis de catro séculos de historia.
Durante a súa visita, na que estivo acompañado pola alcaldesa, María Pilar Ramallo, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, o titular de Cultura explicou que as actuacións que o Goberno galego vén de licitar contan cun orzamento de 150.000€ que permitirá resolver os problemas de humidade actuando sobre o exterior da basílica. “Trátase dunha intervención que reflicte o compromiso da Administración autonómica co patrimonio da provincia de Pontevedra no que temos en marcha unha ducia de intervencións para darlle o mellor futuro ao noso pasado máis sobranceiro”, explicou Román Rodríguez.
Estas obras son a primeira parte desta segunda intervención de restauración da igrexa de Santa María do Porto e súmanse á primeira intervención realizada no ano 2017 polo Goberno galego neste templo, cun orzamento superior aos 60.000 €, co obxectivo de eliminar as filtracións de auga e mellorar a ventilación da igrexa e, por tanto, as condicións ambientais do seu interior.
Concretamente, no caso concreto da provincia de Pontevedra, a Xunta está destinando máis de 3M€ nunha ducia de bens como a igrexa do Mosteiro de Santa María de Oia, que se licitou esta mesma semana por preto de 830.000€. Así mesmo, tamén están en marcha obras na igrexa de Santo Estevo de Negros, en Redondela, na basílica de Santa María a Maior, en Pontevedra, e rematouse a restauración de Santa María de Baiona, entre outras.
En canto ás obras na igrexa de Santa María do Porto, os traballos previstos contan cun prazo de execución de seis meses nos que os técnicos centraranse no exterior da fachada para resolver os problemas de humidade que afectan a boa conservación do inmoble. Concretamente, eliminaranse as filtracións de auga a través das fachadas para, a continuación, restaurar aqueles elementos de cantería afectados polo deterioro da pedra. Tamén se actuará sobre a carpintería e os elementos da fachada.
Actuacións sobre as campás
Para conseguir estes obxectivos, as actuacións previstas na licitación son a limpeza das fachadas, a restauración da portada principal e das portas exteriores, a redefinición dos elementos da fachada sur e a mellora do rexuntado con morteiro e sal. Por último, tamén se restaurarán as campás.
Para poder desenvolver estes traballos a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Santiago de Compostela para a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación.
Máis de catro séculos de historia
A igrexa de Santa María do Porto, tamén coñecida como Igrexa Vella de Marín, é un ben catalogado que está incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Érguese sobre un promontorio cerca do porto e iniciou a súa construción no ano 1603 baixo a dirección do mestre García Arce.
O inmoble foi obxecto dunha actuación no século XX, cando se renovou a cuberta, substituíndo a antiga por unha de fibrocemento e tella curva. Nese momento tamén se realizaron novas carpinterías, unhas en madeira e outras a base de módulos prefabricados de formigón.