Nova: A Xunta celebra co sector das artes escénicas o Día Mundial do Teatro e anuncio unha bolsa de dramaturgia e creación
27/03/2021
A Xunta celebra co sector das artes escénicas o Día Mundial do Teatro e anuncio unha bolsa de dramaturgia e creación
Román Rodríguez agradece o esforzo de adaptación realizado polo mundo da cultura ante o contexto de pandemia, apostando por novos formatos
Entre as novas accións dinamizadoras, a bolsa de dramaturxia aglutinará o apoio a toda a cadea de valor implicada na creación dunha peza escénica, desde a súa xeración ata a produción e difusión a través dun espectáculo teatral
O Goberno galego abriu onte a convocatoria de axudas para empresas profesionais do sector na Comunidade cun investimento de 800.000€
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2021.- A Xunta de Galicia celebrou hoxe co sector das artes escénicas o Día Mundial do Teatro, nun contexto especial que esixe do esforzo de todos os actores implicados, incluída a administración, tal como sinalou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. O acto desenvolveuse en Santiago, no exterior do Salón Teatro, e contou coa participación do presidente da Asociación Galega de Dramaturxia, Afonso Becerra, e a presenza da meirande parte das entidades representativas do sector en Galicia.
Román Rodríguez tivo palabras de especial agradecemento ao sector da escena e ao conxunto da cultura polo seu esforzo para adaptarse a esta situación inédita derivada da pandemia, “apostando por novos formatos e dando o mellor de si mesmos para que todos poidamos seguir desfrutando desta arte dun xeito seguro”.
O conselleiro abondou tamén na intervención da Xunta desde o primeiro momento, a través do Plan de Reactivación da Cultura, para “evitar a destrución de emprego e manter o tecido empresarial vencellado ás artes escénicas”. Neste sentido, referiuse á flexibilización das liñas de axudas e á creación de novas convocatorias, así como á reprogramación das funcións que tiveron que ser canceladas a comezos do ano.
No marco das futuras accións dinamizadoras, anunciou a convocatoria da primeira bolsa de dramaturxia e creación, promovida polo Centro Dramático Galego (CDG), compañía pública de teatro, en colaboración co sector para apoiar de xeito global toda a cadea de valor implicada na xeración dunha peza escénica. Segundo explicou o conselleiro, a bolsa é unha iniciativa pioneira que por primeira vez impulsará un proxecto teatral desde o seu nacemento ata que chega ao público.
Ademais, lembrou que o Goberno galego lanzou esta mesma semana as axudas á creación escénica, cunha dotación orzamentaria de 800.000 euros, aberta desde onte. Esta liña de apoio vai dirixida ás compañías que se dedican de xeito profesional á produción de actividade escénica e desenvolven a meirande parte do seu traballo na nosa Comunidade, co fin de seguir protexendo o seu emprego e incentivar o consumo para que a actividade continúe a pesar da pandemia.
Proxecto integral desde a creación ata a posta en escena
No que atinxe á bolsa de dramaturxia e creación, nunha primeira convocatoria vaise apoiar o proceso da escrita cunha axuda de 4.000 euros, e, na segunda, todo o proceso de produción e posta en escena cunha achega de 12.000 euros. O obxectivo é acompañar de xeito global un proxecto escénico, que será coproducido polo CDG e representado no Salón Teatro de Santiago de Compostela.
Segundo a convocatoria publicada hoxe mesmo, haberá un prazo de 20 días para presentar un proxecto de escrita dun máximo de 10.000 caracteres, xunto coa traxectoria das persoas ou colectivos que participen e unha carta de motivación. A proposta adxudicataria disporá de catro meses para a entrega do traballo completo. Na avaliación teranse en conta a calidade e orixinalidade da proposta, a actualidade e interese da temática, a duración da montaxe e o número de intérpretes. Posteriormente, publicarase a segunda fase da convocatoria, de apoio ao proceso de montaxe da peza seleccionada.
Producións propias e residencias artísticas
Con esta nova medida, cuxas bases da primeira fase poden consultarse xa na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Dramático Galego segue a “reforzar o seu papel como motor escénico tras a crise sanitaria”, sinalou Román Rodríguez. O conselleiro referiuse ás diversas iniciativas postas en marcha este ano, como as residencias artísticas, as emisións en liña da última produción propia, O charco de Ulises, para diversos colectivos ou as visitas en liña ao Salón Teatro para escolares.
O titular de Cultura incidiu na “ambiciosa programación do CDG para este ano, con tres producións propias a través de textos de autoría galega e creación contemporánea”. Así, o pasado xaneiro estreábase O charco de Ulises, o vindeiro mes farao a nova produción Terceiro acto, e para setembro está previsto que chegue aos escenarios o espectáculo Serva-me, Servabo-te. A materialización destas pezas suporá un investimento aproximado dun millón de euros e a contratación de máis de 50 profesionais da interpretación, dos deseños artísticos e dos oficios escénicos. Ademais, o CDG ten previsto realizar ao longo de 2021 sete coproducións.