Nova: Arantza Portabales arranca o ciclo ‘10 anos, 10 autores, 10 libros’ no marco do décimo aniversario da Biblioteca de Galicia

09/04/2021
Arantza Portabales arranca o ciclo ‘10 anos, 10 autores, 10 libros’ no marco do décimo aniversario da Biblioteca de Galicia
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na iniciativa que permitirá coñecer as influencias literarias dalgúns dos autores galegos máis lidos
Salientou o papel da Biblioteca como “dinamizadora cultural” con propostas como esta que permiten “estreitar os lazos entre escritores e lectores”
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2021.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no primeiro dos relatorios incluídos no ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros co que a Xunta conmemora o décimo aniversario da Biblioteca de Galicia. A primeira xornada desta iniciativa contou coa participación da escritora Arantza Portabales, autora de Beleza vermella, que falou, entre outros temas, da pegada que tivo na súa traxectoria persoal e literaria a obra de Manuel Rivas 'Que me queres amor?'
Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, esta nova proposta cultural da Biblioteca de Galicia supón “achegar o traballo dos nosos autores ao público, entender as súas influencias literarias e fomentar o diálogo e estreitar lazos cos lectores”, expresou. Trátase dunha iniciativa que pon en valor, ademais, o papel da Biblioteca de Galicia “como dinamizadora cultural” que na súa primeira década levou a cabo numerosas actividades complementarias como estas.
Enmárcase no programa de actos cos que este ano a Xunta está a conmemorar o décimo aniversario da Biblioteca, que inclúe exposicións temáticas sobre figuras como as escritoras Emilia Pardo Bazán ou a homenaxeada nas Letras Galegas Xela Arias. Entre outras actividades, o Goberno autonómico tamén impulsará unha exposición retrospectiva que permita afondar nos 10 anos de historia da Biblioteca, visitable a partir do mes de outubro.
10 anos, 10 autores, 10 libros continuará con Ledicia Costas (venres 23 de abril), Domingo Villar (4 de xuño), María Solar (18 de xuño) e María Canosa (2 de xullo) e novos autores en setembro e outubro. Todos os relatorios celébranse ás 19,00 horas, contan con entrada de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura con aforo limitado a 27 persoas.