Nova: A Biblioteca Juan Compañel xestionada pola Xunta en Vigo celebra o Día do libro con contacontos e mostras

21/04/2021
A Biblioteca Juan Compañel xestionada pola Xunta en Vigo celebra o Día do libro con contacontos e mostras
Mañá xoves está previsto ‘Andando polo camiño’, para bebés de ata 3 anos, e, o sábado, ‘Matías, un pito con moito conto’, para rapazada de 4 anos en diante
No centro tamén poden visitarse ata finais de mes mostras bibliográficas das gañadoras do Premio Cervantes e do escritor Hans Christian Andersen
Vigo, 21 de abril de 2021.- A Biblioteca Pública Juan Compañel, xestionada pola Xunta en Vigo, celebra o Día internacional do libro, este venres, con diversas actividades dirixidas especialmente ao fomento da lectura entre os máis pequenos, así como con mostras conmemorativas.
Mañá xoves, ás 18,00h. os bebés de ata 3 anos gozarán da Biblioteca dos pequenos con Andando polo camiño, unha proposta de contos cantados da man de Raquel Galavís. Pola súa banda, a rapazada de 4 anos en diante terá o día 24 unha sesión a cargo da escritora María Canosa, quen lles contará a historia da súa autoría Matías, un pito con moito conto, onde se valora a personalidade, a diferenza que nos fai únicos e o valor necesario para converter isto nunha fortaleza.
No marco do Día do internacional do libro tamén poderá visitarse ata finais de mes a mostra bibliográfica As gañadoras do Premio Cervantes, que ofrece un percorrido pola obra de María Zambrano, Dulce María Loynaz, Ana María Matute, Elena Poniatowska e Ida Vitale. Esta mostra únese á da selección de libros de Hans Christian Andersen e á exposición dos carteis conmemorativos do Día internacional do libro infantil e xuvenil dos últimos anos, que tamén permanecerán ata finais de mes.