Nova: A Xunta licita por máis de 111.000€ a redacción do Plan director para o Parque do Pasatempo de Betanzos

27/04/2021

A Xunta licita por máis de 111.000€ a redacción do Plan director para o Parque do Pasatempo de Betanzos

O documento sentará as bases para levar a cabo as actuacións necesarias para garantir a conservación e posta en valor deste Ben de Interese Cultural

O inicio do proceso administrativo enmárcase no firme compromiso do Goberno galego coa vila de Betanzos, logo da declaración BIC deste espazo en 2020

 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2021.- A Xunta de Galicia vén de licitar por un importe de máis de 111.000 euros a redacción do Plan Director do Parque do Pasatempo de Betanzos, un documento que sentará as bases para levar a cabo as actuacións necesarias para garantir a conservación e posta en valor deste Ben de Interese Cultural coa categoría de xardín histórico, declaración aprobada polo Goberno galego en 2020.

A publicación do inicio do proceso administrativo enmárcase no firme apoio da Xunta de Galicia co Parque do Pasatempo e coa vila de Betanzos. Un apoio que quedou demostrado co traballo feito por parte da Administración autonómica para favorecer e facilitar a declaración BIC deste espazo e que volve a reflectirse con esta licitación, tal e como xa anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade hai só dous meses.

Así, nunha nova mostra deste compromiso, o Goberno galego impulsa a elaboración dun documento que permita afondar no seu coñecemento e nas súas condicións actuais para definir as liñas de actuación que se porán en marcha no futuro no eido da súa conservación. Para isto, é preciso elaborar un texto técnico no que se recolla un análise detallada do conxunto desde as perspectivas histórica, arqueolóxica, arquitectónica e espacial do monumento e do seu contorno, así como da conservación e restauración dos seus elementos artísticos. Este plan terá en conta, ademais, a súa xestión para a posta en valor e uso cultural dunha forma racional e sostible.

Trátase dun traballo complexo e completo que precisa dun equipo técnico multidisciplinar e especializado e que incluirá propostas de monitorización, toma de datos, análises e avaliacións co fin de coñecer con exactitude cales son as necesidades do Parque do Pasatempo para definir as actuacións necesarias para garantir a conservación deste ben tan senlleiro. Concretamente, o equipo técnico que se encargue da redacción do Plan Director estará composto por arquitectos, historiadores da arte, restauradores, arqueólogos, enxeñeiros e especialistas en xardinaría, botánica e paisaxe.

Esta actuación, que conta cun orzamento superior aos 111.000€, é posible ao abeiro do compromiso do Goberno galego cos fondos para a protección e recuperación do patrimonio cultural, que neste exercicio se incrementan nun 19%.

Xardín histórico

O Parque do Pasatempo, declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de xardín histórico, é un xardín eclético creado por Juan Naveira no que se mestura vexetación, arquitectura, escultura, pintura, enxeñería hidráulica, fontes e estanques, cunha vocación de parque temático e didáctico que responde á tradición filantrópica dos indianos que regresaron de América a finais do século XIX.

 

Comparte