Nova: O Museo Etnolóxico de Ribadavia mostra 23 pezas da Colección Abrente que nunca foran expostas

30/04/2021

O Museo Etnolóxico de Ribadavia mostra 23 pezas da Colección Abrente que nunca foran expostas

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a última fase da exhibición dos bens da asociación cultural custodiados neste centro

O conxunto, formado por óleos, gravados, serigrafías e obras escultóricas de recoñecidos artistas galegos, poderá visitarse ata o 30 de maio

Pertencen a autores como Isaac Díaz Pardo, Xosé Conde Corbal, Mercedes Ruibal Argibay ou Acisclo Manzano, entre outros recoñecidos nomes da arte galega

  • Inauguración mostra Museo Etnolóxico de Ribadavia

Ribadavia, 30 de abril de 2021.- O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anzo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Museo Etnolóxico de Ribadavia a mostra Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos 70. Trátase da terceira e última fase da exhibición dos bens da asociación cultural, que custodia o centro museístico ribadaviense e que comezaron a ser expostos por primeira vez ao público en diferentes fases no ano 2019, co gallo do 50 aniversario do nacemento da agrupación. Desta volta, poderanse contemplar 23 das 58 pezas que conforman a colección, na que se integran obras de 29 artistas.

O conxunto componse principalmente de óleos, gravados e serigrafías asinadas por autores como Isaac Díaz Pardo, Xosé Conde Corbal, Félix Cuadrado, José Luís González Loureiro, Alberto Datas Panero, a pintora Mercedes Ruibal Argibay ou o recentemente falecido José Manuel Vidal Souto, entre outros recoñecidos nomes da arte galega. A estas súmanselles obras escultóricas en madeira de Luís Borrajo Vázquez e en terracota de Acisclo Manzano. Trátase de obras procedentes de doazóns froito da estreita vinculación da asociación con artistas, escritores e intelectuais, que reflicten as novas inquedanzas artísticas da década dos 70 en Galicia.

Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo referiuse á relevancia do legado que a asociación Abrente deixou ao pobo galego, no que figuran traballos como os expostos, un importante arquivo, e iniciativas como a actual Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, herdeira da Mostra de Teatro Galego. Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou tamén a xenerosidade da agrupación, que no momento da súa disolución decidiu depositar o seu arquivo e a obra plástica no entón Museo de Artes e Costumes Populares, actual Museo Etnolóxico.

Aberta ata o 30 de maio

A colección Abrente forma parte dos fondos do Museo Etnolóxico de Ribadavia desde 1986 e non fora nunca exposta ata setembro de 2019, cando arranca a mostra Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos 70, organizada en tres partes polo seu volume. Tras a segunda das mostras, en febreiro de 2020, coa que tamén se presentou o catálogo que recolle o traballo de investigación vinculado ás tres exposicións, a situación derivada da crise sanitaria fixo que se adiase ata hoxe a apertura desta terceira parte, que poderá visitarse ata o 30 de maio, de martes a sábado e de 10,00 a 20,00 h. Os domingos e festivos o museo permanece pechado.

Xunto ao secretario xeral de Cultura, no acto de inauguración participou o membro fundador de Abrente José Luís Chao Rey, así como a comisaria da exposición, Sabela Fraga Costa, e o director do Museo Etnolóxico, José César Llana. O evento pechouse coa proxección do documental Dorothé na vila, no Auditorio Manuel María da Casa da Cultura de Ribadavia. Con idea orixinal e guión de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, e con dirección de Alejandro Gándara, a fita narra a chegada a Galicia da musicóloga suíza Dorothé Schubart a finais dos anos 70, na procura dos cantos antigos que desapareceran no centro de Europa.

Comparte