Nova: María do Ceo ponlle música a textos de Blanco Amor

09/01/2015

María do Ceo ponlle música a textos de Blanco Amor

O libro-disco 'Soños cumpridos' é o último traballo da fadista

  • María do Ceo presenta o libro-disco 'Soños cumpridos' María do Ceo presenta o libro-disco 'Soños cumpridos'

Ourense, 9 de xaneiro de 2015.- ‘Soños cumpridos’ é o último traballo de María do Ceo, un libro-disco que foi presentado nun acto celebrado no Liceo de Ourense e no que participou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad. Durante a súa intervención o conselleiro salientou a importancia da música deste intérprete na difusión da tradición e cultura da provincia de Ourense, así como dos seus escritores e poetas. “Realmente, este álbum tan fermoso de María do Ceo representa, sobre todo, o manifesto musical da nosa ourensanía; esa expresión de ourensanía que ten o seu alicerce na apaixonante historia da nosa memoria colectiva”, dixo.

Así mesmo, Vázquez Abad quixo agradecer o mecenado de todas as persoas que contribuíron á produción musical deste novo traballo. Non en balde, o libro-disco foi producido a través de ‘crowdfunding’ - micromecenado-, grazas ás achegas dun cento de persoas.

‘Soños Cumpridos’ é o undécimo traballo da cantante de fados María do Ceo, formado por composicións propias coas que pon música a textos de Eduardo Blanco Amor e Armando González. O álbum está formado por 9 pezas en galego e 5 en castelán, baixo a forma de fados, boleros, baladas e un pasodobre.

Comparte