Nova: Román Rodríguez anuncia que a Xunta licitará en xuño as obras de restauración no claustro da Catedral de Lugo

29/05/2021

Román Rodríguez anuncia que a Xunta licitará en xuño as obras de restauración no claustro da Catedral de Lugo

A intervención centrarase en resolver as patoloxías que afectan a esta zona do templo catedralicio cunha achega de 650.000€

A Xunta xa levou a cabo unha serie de sondaxes arqueolóxicas no claustro co fin de avaliar o sistema construtivo e a potencialidade desta zona

Os traballos contan cun prazo de execución aproximado de seis meses, polo que estarán rematados no ano 2022
 

Lugo, 29 de maio de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe co bispo, Alfonso Carrasco Rouco, a Catedral de Lugo, onde anunciou que a Xunta investirá 650.000€ para poñer en valor e garantir a correcta conservación do claustro, unha zona que na actualidade presenta danos derivados do paso do tempo e factores ambientais. Trátase dunha actuación enmarcada no Plan Catedrais no que traballa o Goberno galego para actuar nos templos catedralicios da Comunidade no período 2021-2027.

Como explicou o titular de Cultura, que estivo acompañado tamén polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, o Plan Catedrais é unha “útil ferramenta que marca a folla de ruta dos vindeiros anos no eido patrimonial e que servirá para que as nosas catedrais afronten a década xacobea nas mellores condicións de conservación”. Así, co horizonte do Xacobeo 2027, a Administración autonómica traballa xa nos cinco grandes templos catedralicios de Galicia que, no seu conxunto, suman máis de 4.500 anos de historia e que están, todos eles, vinculados ao Camiño de Santiago. De feito, tres delas, como é o caso da Catedral lucense, están incluídas na declaración de Patrimonio Mundial da Unesco.

Román Rodríguez incidiu que tanto as actuacións en Lugo, como as que a Administración autonómica impulsa en diferentes puntos da xeografía galega, “requiren que todas as administracións implicadas traballemos xuntas, de xeito planificado, coordinado e sumando vontades e esforzos”, antes de engadir que o proxecto avanzado hoxe permitirá “revalorizar un dos inmobles máis senlleiros da cidade e unha das xoias do Camiño Primitivo”.

90 aniversario como Monumento Histórico-Artístico Nacional

A primeira intervención que se porá en marcha en Lugo ao abeiro do Plan Catedrais estará centrada en resolver as patoloxías que afectan ao claustro da Catedral e se licitará nas primeiras semanas de xuño. “Trátase dunha actuación que estamos a piques de licitar e que contará cun prazo de execución de seis meses, polo que estará lista no ano 2022”, explicou. O inicio do proceso administrativo coincidirá, ademais, coa celebración do 90 aniversario da declaración como Monumento Histórico-Artístico Nacional da Catedral de Lugo, que se conmemorará o xoves día 3.

Para estes traballos, a Xunta vén de levar a cabo unha serie de sondaxes arqueolóxicas nesta zona co fin de avaliar o seu sistema construtivo e potencialidade. Concretamente, realizáronse tres sondaxes que sacaron á luz restos arqueolóxicos de diferentes épocas históricas que van desde a época romana ata actualidade. Así, os traballos permitiron documentar varios muros e unha necrópole de tumbas rectangulares e laxas de lousa.

As actuacións previstas ao abeiro do Plan Catedrais súmanse aos investimentos que a Xunta leva a cabo para poñer en valor o patrimonio lucense. Así, ao longo deste exercicio, o Goberno galego tamén achegará máis dun millón de euros a actuacións vencelladas coa Muralla romana ou na igrexa de San Pedro, na que o Goberno galego inviste 750.000€.
 

Comparte