Nova: A Fundación Cela inicia as actividades anuais cun certame literario
14/01/2015
A Fundación Cela inicia as actividades anuais cun certame literario
Haberá unha segunda edición do Club de Lectura que, este ano, vén acompañado dun ciclo de cine aberto a todos os públicos
Iria Flavia (Padrón), 14 de xaneiro de 2015.- A Fundación Pública Galega Camilo José Cela, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, empeza o seu ano cultural coa conmemoración do XIII aniversario do pasamento do escritor coa convocatoria da IV edición do seu Concurso de Microrrelatos (17 de xaneiro) nas categorías infantil, xuvenil e adultos e coa tradicional misa funeral na Igrexa de Santa María de Adina que terá lugar o vindeiro 22 ás 19 horas.
No ano previo ao centenario do nacemento de Camilo José Cela nesta nova edición do seu Concurso de Microrrelatos a Fundación quere homenaxear a unha das obras máis populares do escritor padronés ‘Viaje a la Alcarria’ polo que tódolos microrrelatos deberán comezar co arranque do libro de viaxes “El viajero está echado, boca arriba, sobre una chaise-longue forrada de cretona…”. A plataforma microrrelatosfcjc.com para a presentación dos traballos e coa información xeral do mesmo estará operativa a partires deste sábado.
Club de lectura Anagnósis
A Fundación Pública Gallega Camilo José Cela arrancou este ano 2015 coa segunda edición do seu Clube de Lectura “Anagnósis” no que se duplicou a participación do ano pasado e no que baixo o título “Cine e literatura, dúas linguaxes distintas, a mesma emoción” preténdense analizar catro novelas que foron levadas de forma maxistral a sétima arte. Paralelo á celebración das sesións do Club terá lugar no Paraninfo da Fundación un Ciclo de Cine aberto e gratuíto no que se proxectarán todas estas adaptacións.
O Club de lectura comezou o pasado día 12 de xaneiro coa análise e comentario da novela de Javier Cercas Soldados de Salamina. O filme homónimo de David Trueba poderase ver este venres 16 de xaneiro ás 19 horas en Iria Flavia.
Neste Club de Lectura, que se celebrará tódolos primeiros luns de cada mes de xaneiro a maio, analizaranse tamén obras como La casa de los espíritus, de Isabel Allende; Matar a un ruiseñor, de Harper Lee; e La casa de Bernarda Alba, de Federico García Lorca.
As seguintes sesións do Ciclo de Cine terán lugar os venres 6 de febreiro coa proxección de La casa de los espíritus ,de Bille August; o 6 de marzo, no que se poderá ver Matar a un ruiseñor, de Robert Mulligan; e clausurarase o 17 de abril con La casa de Bernarda Alba, de Mario Camus; todas elas ás 19 horas e de forma totalmente gratuíta e con acceso libre.
Como colofón o 8 de maio terá lugar a xornada de clausura do Club de lectura na que se porán de manifesto as diferenzas observadas entre as obras literarias e os seus filmes homónimos.