Nova: A Xunta estrea os filmes realizados polo alumnado galego do programa internacional ‘cinema en curso’

18/06/2021
A Xunta estrea os filmes realizados polo alumnado galego do programa internacional ‘cinema en curso’
A Filmoteca de Galicia pechou a edición 2020-2021 coa proxección de catro traballos nos que participaron 70 estudantes de primaria e de secundaria xunto aos directores Xacio Baño, Jaione Camborda, Eloy Domínguez, Marcos Flórez e Ángel Santos
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade promove esta iniciativa en Galicia no marco do Plan Proxecta para a innovación educativa
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021.- O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibiu ao longo da mañá de hoxe preto de 70 estudantes de primaria e secundaria de Barreiros, Cangas, Cerdedo-Cotobade e Sada para a estrea en pantalla grande de catro das curtametraxes realizadas no marco do programa internacional Cinema en curso, xestionado na nosa Comunidade pola Xunta a través da Filmoteca de Galicia.
Esta iniciativa pedagóxica, inserida á súa vez no Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, contou coa colaboración dos realizadores Xacio Baño, Jaione Camborda, Eloy Domínguez, Marcos Flórez e Ángel Santos, que traballaron xunto cos estudantes e o profesorado implicado en cada unha das fitas.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañounos nesta presentación, á que tamén asistiron Laia Colell e Nuria Aidelman, da asociación A Bao A Qu e directoras deste proxecto internacional, que está a celebrar xa a súa 16ª edición coa participación de 2000 alumnos, máis de 140 docentes e 32 cineastas de España, Alemaña, Chile, Eslovenia, Lituania e México.
O responsable de Industrias Culturais da Xunta agradeceulles o esforzo tanto aos profesores e alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP San Cosme de Barreiros, de 6º de primaria do CEIP A Rúa de Cangas e do CEIP de Tenorio de Cerdedo-Cotobade e de 4º da ESO do IES O Mosteirón de Sada, como aos cinco realizadores galegos implicados e mais ao equipo organizativo, grazas aos que foi posible manter a iniciativa a pesar das dificultades deste curso escolar marcado pola pandemia.
As artes visuais como ferramenta educativa
Sutil destacou algunha das principais características pedagóxicas de Cinema en curso, a través do que se promove o uso do audiovisual como ferramenta educativa, ao tempo que se potencia o traballo en equipo e a capacidade de atención e observación sobre a realidade. A iniciativa insírese, así mesmo, no programa de actividades que a Filmoteca de Galicia desenvolve especificamente para a infancia e a xuventude e dentro do que tamén organiza Fotografía en curso e Filmoteca júnior. En conxunto, participaron este curso máis de 500 estudantes, 33 docentes e 13 centros de toda Galicia.
No Salón Teatro estreáronse catro dos seis filmes rodados nesta edición de Cinema en curso. Cada un dos grupos levou a cabo a súa propia produción cinematográfica, rotando tanto nas funcións artísticas como nas técnicas, co acompañamento dos seus profesores e dos cinco cineastas galegos implicados no proxecto. As fitas parten da investigación sobre a contorna máis próxima e a súa posta en valor para, a través do cine, aprender a mirar e a apreciar a realidade doutro xeito.
Así, Os ollos do mar é a película asinada polo alumnado do CEIP San Cosme de Barreiros, para a que contaron co asesoramento de Xacio Baño. Inspirado no documental Innisfree, de José Luis Guerin, trátase dun retrato da parroquia de Rinlo e da súa xente, das mariscadoras e dos mariñeiros, e da súa vida vinculada á forza do mar.
Eloy Domínguez traballou xunto ao grupo de 6º de primaria do CEIP A Rúa de Cangas na fita Rostros de vida. Neste caso, o filme Daguerrotipos, de Agnès Vardá, serviulles de punto de partida para plasmar os testemuños dos seus avós e dos seus veciños, a través dos que se reflicte a súa forte raizame co mar e coa terra.
Experiencia co cinema analóxico
Ao encontro. Diario de impresións e estacións é o título da fita experimental do alumnado de 6º de primaria do CEIP de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade. Xunto a Ángel Santos, levou a cabo unha experiencia única en Cinema en curso, traballando cunha cámara analóxica Bolex e película de 16mm para realizar un diario das estacións inspirado traballo do estadounidense Jonas Mekas: o paso do inverno á primavera nos campos, as flores, a luz, os ceos e os propios veciños de Tenorio.
Tamén estiveron hoxe no Salón Teatro os estudantes de 4º da ESO do IES O Mosteirón de Sada, que presentaron O Mosteirón. Voces do tempo, traballo para o que contaron co acompañamento de Jaione Camborda e Marcos Flórez. Trátase dunha homenaxe fílmica ao seu instituto, inaugurado nos anos cincuenta do século XX como centro para acoller as nenas orfas do mar. A película recupera a súa memoria a través do retrato de varias mulleres que forman parte da súa historia.