Nova: Román Rodríguez sinala que os galegos deben sentirse “tremendamente orgullosos dos consensos en Meirás”
26/06/2021
Román Rodríguez sinala que os galegos deben sentirse “tremendamente orgullosos dos consensos en Meirás”
O responsable de Cultura referiuse á xornada de hoxe como “un gran día para Galicia” e subliñou a vontade da Xunta de seguir traballando “con xenerosidade e rigor”
Lembra que o camiño iniciado polo Parlamento de Galicia en 2017 debe culminar devolvéndolle a Meirás a súa esencia orixinal deturpada pola ditadura
“Dona Emilia estaría tremendamente orgullosa de ver como os valores da igualdade, a democracia ou o pensamento crítico se abren paso despois dunha longa etapa”
Sada (A Coruña), 26 de xuño de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na sinatura do protocolo xeral de coordinación temporal de actuacións das Torres de Meirás, un documento que ten por obxecto definir as liñas de cooperación e coordinación entre as institucións implicadas para xestionar este ben ata que as resolucións xudiciais sobre a propiedade do inmoble sexan definitivas.
O responsable de Cultura da Xunta de Galicia referiuse á xornada de hoxe como “un gran día para Galicia” no que se inicia unha nova etapa onde as administracións implicadas “debemos manter o rigor, consenso social e político e a altura de miras que caracterizou este proceso”. “Os galegos debemos sentirnos tremendamente orgullosos do camiño andando ata chegar aquí e dos obxectivos cumpridos desde que o Parlamento o inicioun no ano 2017”, destacou.
Ao respecto, lembrou que a comisión de expertos impulsada pola Xunta elaborou os argumentos xurídicos “que posteriormente foron asumidos para a defensa do proceso civil en torno á propiedade”. Mirando ao futuro, engadiu que o proceso deberá culminar devolvéndolle a Meirás “a súa esencia orixinal deturpada pola ditadura”.
Un desexo “para os curiosos do ano 2000”
Nesta mesma liña, afirmou que a Xunta “porá todo da súa parte” para facer realidade o desexo de Emilia Pardo Bazán de abrir as Torres de Meirás a toda a cidadanía traballando “con xenerosidade e vontade de colaboración” para defender os intereses do conxunto dos galegos. “Ela estaría orgullosa de ver como os valores da igualdade, a democracia e o pensamento crítico se abren paso despois dunha longa etapa na que o espírito do inmoble estivo deturpado polo franquismo”, engadiu.
“Segundo os expertos, non existe en Galicia, España ou Europa ningunha outra residencia dunha escritora construída e concibida como unha prolongación da súa obra, mesturando así arquitectura, arte e literatura”, declarou Román Rodríguez. Ao fío disto, lembrou as palabras, recentemente difundidas nunha carta da autora a José Alguero, notario de Betanzos e artista que colaborou no deseño de Meirás, na que afirmaba: “Para el decorado de la torre, que es la que yo he de habitar, quisiera imprimirle alguna huella personal, para cuando la visiten, si la visitan, los curiosos del año 2000”.
En vésperas da apertura dos xardíns de Meirás, o conselleiro lembrou a necesidade tamén “de abrir canto antes á cidadanía o interior das Torres”. Segundo o protocolo asinado hoxe, e ata a resolución definitiva do proceso xudicial, a Xunta de Galicia, ademais das competencias que lle corresponden en relación ao patrimonio cultural de interese para Galicia, incluirá nos seus programas de dinamización cultural as actuacións de promoción e difusión que se determinen pola Comisión Técnica, atendendo á súa destacada importancia como lugar de memoria.
Ampliación do BIC
En canto á ampliación da declaración BIC, Román Rodríguez lembrou que neste momento a Xunta de Galicia e o Goberno central teñen aberta unha vía de diálogo para que o Executivo autonómico poida realizalo con todas as garantías xurídicas, tal e como vén propoñendo desde hai xa varias semanas. “A nosa colaboración para traballar na restitución de todo o que significan estas Torres para a historia recente de Galicia e España é total”, sostivo.