Nova: A Xunta porá en marcha traballos arqueolóxicos para o estudo e documentación da Torre de Caldaloba en Cospeito

02/07/2021

A Xunta porá en marcha traballos arqueolóxicos para o estudo e documentación da Torre de Caldaloba en Cospeito

O Goberno galego limpará a superficie e fará unha prospección na zona de cara a favorecer a caracterización espacial e funcional deste Ben de Interese Cultural
A intervención prevista para este verán inclúe tamén o levantamento topográfico, toma de imaxes e vídeos e o deseño dunha visita guiada para dar a coñecer os valores deste BIC aos visitantes
 

Cospeito (Lugo), 02 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia traballará este verán para investigar e afondar no pasado da Torre de Caldaloba, no concello lucense de Cospeito. Trátase dun inmoble de época medieval pertencente ao castelo de Vilaxóan e que está clasificado como Ben de Interese Cultural (BIC) desde o ano 1949.

Tendo en conta os valores culturais que posúe esta edificación, a Consellería de Cultura Educación e Universidade, que xa actuou sobre a estrutura deste ben entre os anos 1998 e 2002, levará a cabo este ano unha serie de traballos de investigación arqueolóxica coa finalidade de favorecer a súa caracterización espacial e funcional e que sirvan de base para posibles futuras actuacións arqueolóxicas e de restauración que se queiran levar a cabo sobre o ben.

En concreto, mediante esta actuación, limparase a superficie de 10.000 metros cadrados do xacemento coa finalidade de eliminar a maleza existente para, a continuación, facer unha prospección de cara a súa caracterización histórico-arqueolóxica. Os traballos previstos complétanse co levantamento topográfico mediante fotogrametría, con tomas de imaxe e vídeo do xacemento e co deseño dunha visita guiada para dar a coñecer a actuación realizada e os valores propios do sitio á poboación local e a todos os visitantes.

Construción do século XIV-XV

O castelo de Vilaxoán, na parroquia de San Martiño de Pino, en Cospeito, é un castelo de época medieval datado nos séculos XIV-XV do que se conserva en pé unicamente a Torre da Caldaloba. Trátase dunha torre cunha importante significación histórica debido a súa relación coa revolta dos Irmandiños do século XV e co Mariscal Pardo de Cela.

Comparte