Nova: A Xunta remite ao órgano de salvagarda as primeiras solicitudes para incluír bens no censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos

04/07/2021

A Xunta remite ao órgano de salvagarda as primeiras solicitudes para incluír bens no censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos

A Consellería de Cultura impulsa o funcionamento do órgano de xestión para as medidas de protección das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, contemplado na declaración BIC, que esta semana mantivo a súa primeira reunión

Entre outras funcións, ten como cometido informar sobre a pertinencia da incorporación de embarcacións a este censo, así como propoñer o recoñecemento de mestres carpinteiros

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2021.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presidiu esta semana a primeira reunión do órgano de xestión para as medidas de salvagarda das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, contemplado na declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) deste saber tradicional. O Goberno galego enviará con carácter inmediato aos membros deste órgano as primeiras solicitudes para a inclusión de bens no censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos, procedentes dun total de 11 entidades e particulares.

Con esta primeira reunión a Xunta de Galicia impulsa o traballo deste órgano e dá aos seus membros un coñecemento directo dos seus obxectivos. Entre outras funcións, ten como cometido informar sobre a pertinencia da incorporación de embarcacións ao devandito censo, así como propoñer o recoñecemento de mestres carpinteiros.

O órgano está constituído por representantes da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari, en representación dos portadores e mestres carpinteiros), da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) e da Federación Galega de Confrarías –estas dúas últimas en representación dos usuarios–, así como por un experto independente e outro do colectivo de enxeñeiros náuticos.

Trátase dunha ferramenta de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial que representa ás comunidades portadoras dos seus valores culturais, e non ten un carácter administrativo nin dependente da Xunta de Galicia. De feito o Goberno galego non forma parte del.

Sección do Censo do Patrimonio Cultural

Tal e como establece o decreto de declaración BIC, para o coñecemento e difusión das embarcacións que teñan a consideración de embarcación tradicional galega e dos barcos históricos de Galicia, así como para promover outras medidas de fomento para a súa conservación e protección, estes bens deberán ser anotados no censo correspondente.

Será a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a que reciba as solicitudes e llas remita ao devandito órgano, encargado de informalas favorable ou desfavorablemente, avaliando cuestións como a antigüidade, autoría ou correspondencia cos modelos tipolóxicos. Finalmente a Xunta, recollendo o parecer do órgano de xestión, estimará ou desestimará a solicitude e comunicará a Portos de Galicia a inclusión se se produce.

Este rexistro conformará unha sección do Censo do Patrimonio Cultural, conterá información sobre a súa denominación, a súa tipoloxía, os datos descritivos e dimensionais básicos e a localización do seu porto habitual, e completarase cando menos con dúas fotografías significativas da embarcación (unha en seco e outra navegando).

A anotación no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos de Galicia é voluntaria e corresponde á persoa ou entidade solicitante acreditar a natureza da embarcación e a súa consideración de embarcación tradicional galega segundo os termos indicados no decreto de declaración como Ben de Interese Cultural.
 

Comparte