Nova: Anxo M. Lorenzo agradece á Casa Museo de Rosalía o seu compromiso coa divulgación do legado literario da escritora nos seus 50 anos de historia

08/07/2021
Anxo M. Lorenzo agradece á Casa Museo de Rosalía o seu compromiso coa divulgación do legado literario da escritora nos seus 50 anos de historia
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación das actividades de conmemoración que se celebrarán ata xullo de 2022 co apoio da Xunta e que arrancan coa apertura de visitas virtuais en catro idiomas
Expresou o compromiso do Goberno autonómico por continuar apoiando esta institución á que nos últimos anos achegou preto de 300.000 euros e que se ampliará con novos apoios para mellorar o seu auditorio
Padrón (A Coruña), 8 de xullo de 2021.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da programación das actividades previstas para a conmemoración do 50 aniversario da Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, apoiadas pola Xunta de Galicia e que comezan coa posta en marcha de visitas virtuais en catro idiomas, dispoñibles desde hoxe na súa páxina web.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a contribución do Museo a divulgar e promover en numerosas xeracións de galegos a figura de Rosalía de Castro. Como expresou, “nos seus cincuenta anos de vida soubo adaptarse aos tempos e facer un traballo museístico e didáctico de gran valor, que agora culmina internacionalizándose e abrindo ao mundo enteiro a que fora casa de Rosalía de Castro grazas ás novas tecnoloxías”.
Expresou o compromiso da Xunta de Galicia por continuar apoiando esta institución, á que nos últimos anos achegou preto de 300.000 euros, para contribuír ao seu funcionamento, que se verán ampliados este ano con novas melloras para o auditorio. Agradeceu tamén o esforzo levado a cabo durante os últimos meses e animou a visitar a Casa Museo durante o verán “para seguir gozando da nosa cultura dun xeito seguro e con garantías”, indicou.
Recital poético
A primeira das actividades do 50 aniversario está xa dispoñible desde hoxe na súa web. Trátase dunha visita virtual ao interior da Casa da Matanza e a Horta de Rosalía en galego, español, francés e inglés. A través dela, calquera persoa pode visitar a Casa Museo en 3D con información ampliada en case 40 puntos para o que se empregaron equipos baseados en tecnoloxía láser e tecnoloxía de infravermellos.