Nova: Román Rodríguez chama a reivindicar o valor natural e artístico da Ribeira Sacra para amplificar aínda máis a imaxe deste privilexiado enclave
12/07/2021
Román Rodríguez chama a reivindicar o valor natural e artístico da Ribeira Sacra para amplificar aínda máis a imaxe deste privilexiado enclave
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade acompañou á antropóloga Mar López na presentación da obra ‘Esgrafiados na Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago. Obras de arte e simbolismo nas paredes’
O proxecto inclúe unha exposición de fotografías que se poderá visitar no instituto Campus Stellae desde hoxe
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañou hoxe á antropóloga Mar López na presentación da obra Esgrafiados na Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago. Obras de arte e simbolismo nas parades, un traballo no que se recollen mostras desta técnica ornamental que se usa na decoración dos muros e fachadas e que inclúe unha exposición de fotografías que se poderá visitar desde hoxe no instituto Campus Stellae de Santiago de Compostela.
O representante da Xunta de Galicia -que estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas- aproveitou o acto para agradecer o labor feito por Mar López para ofrecer unha “fotografía do noso pasado e un gravado atemporal da nosa personalidade colectiva”. Neste sentido, referiuse ao seu traballo como “formidable” polo prolífico labor de documentación, a súa vocación divulgativa e o coidado minucioso co que nos presenta as imaxes.
“É importante incorporar iniciativas como a de Mar López para reivindicar o valor natural e artístico que posúe a Ribeira Sacra e amplificar aínda máis a imaxe que queremos proxectar deste privilexiado enclave lucense e ourensá”, salientou Román Rodríguez antes de engadir que o Goberno galego quere “contar co maior número posible de apoios para que que o sono común de que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco obteña o si definitivo”.
Neste sentido a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor a relación dos esgrafiados co Camiño de Santiago e destacou que “estamos diante dun traballo con moito percorrido, que nos permitirá enriquecer o noso patrimonio cultural e etnográfico tanto de Galicia como da Ruta Xacobea” ao tempo que destacaba a necesidade de garantir tanto a súa conservación como o seu coñecemento e recoñecemento.
Análise de máis de 720 pezas
O traballo feito pola antropóloga conta co apoio do Colexio Oficial de Arquitectura de Galicia, o instituto Campus Stellae e a Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) e ofrece unha análise de máis de 720 pezas que denota, tal e como salientou o conselleiro, “unha paixón clara pola antropoloxía, a arte e o territorio”.
O resultado desta investigación reflíctese na obra presentada hoxe creando unha guía patrimonial distinta e unha experiencia natural que nos traslada a lugares agochados da demarcación ribeirense a través dunha cronoloxía rotunda sobre o legado destes traballadores que crearon un xénero propio: os esgrafiados de estilo galego.
Cómpre recordar que a recuperación de esgrafiados é un dos obxectivos recollidos no Pacto pola Paisaxe para a protección, xestión e ordenación da paisaxe na Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) Ribeira Sacra, impulsado e financiado ao 100% pola Xunta de Galicia.