Nova: Román Rodríguez subliña como unha “gran fazaña técnica e cultural” os 60 proxectos de rehabilitación previstos no Plan Catedrais 2021-2027 para darlles “todo o futuro que merecen”
16/07/2021
Román Rodríguez subliña como unha “gran fazaña técnica e cultural” os 60 proxectos de rehabilitación previstos no Plan Catedrais 2021-2027 para darlles “todo o futuro que merecen”
Inclúe obras nas basílicas de Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui, na antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo de Foz e nas concatedrais de San Xiao de Ferrol e Santa María de Vigo
O Goberno autonómico investirá 38M€ para reforzar a súa aposta pola preservación do legado común dos galegos como un recurso cultural, social, económico e espiritual de primeiro nivel
“O que comezou en Santiago de Compostela debe trasladarse agora ao resto dos conxuntos catedralicios guiados por un denominador común: o Xacobeo”, afirma o conselleiro
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe na Cidade da Cultura o Plan Catedrais de Galicia 2021-2027 aprobado onte polo Consello da Xunta cun investimento de 38M€ para garantir que os bens máis senlleiros da Comunidade cheguen á celebración do vindeiro Ano Santo de 2027 nas mellores condicións. Trátase dunha folla de ruta que permitirá reforzar a planificación das obras ao tempo que se dá continuidade ao esforzo inversor levado a cabo nestes inmobles nos últimos anos tomando como exemplo o proxecto da Catedral de Santiago de Compostela.
Como explicou o responsable de Cultura do Goberno galego, este plan será unha “útil ferramenta que marcará o rumbo dos próximos anos” e que inclúe a posta en marcha de máis de 60 actuacións de conservación que funcionarán como unha “gran fazaña técnica e cultural” para asegurar a debida salvagarda e recoñecemento das catedrais de Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui, na antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo de Foz e nas concatedrais de San Xiao de Ferrol e de Santa María de Vigo. “Estes templos son un os nosos recursos culturais máis potentes e verdadeiros monumentos que desempeñan un papel fundamental nas cidades que os albergan tanto pola súa significación relixiosa como polo seu protagonismo social”, salientou Román Rodríguez.
“As catedrais están vencelladas innegablemente á nosa historia e a noso desenvolvemento como pobo. Queremos que isto siga sendo así e por iso debemos facer un novo esforzo para que estes bens continúen sendo unha testemuña da nosa identidade e cultura”, afirmou. Nesta liña, sinalou a Catedral de Santiago como punto de partida para alcanzar o obxectivo de blindar a conservación das catedrais galegas. “O que comezou en Santiago de Compostela foi un gran éxito colectivo e nos permitiu reestrear a Catedral nas mellores condicións despois de 800 anos”, afirmou.
Así, tal e como precisou, as intervencións pendentes de rematar na Catedral de Santiago e que se están levando a cabo na actualidade tamén están incluídas nesta estratexia autonómica para mellorar a conservación destes templos cunha achega de 6,5M€. En concreto, as principais intervencións contempladas son a renovación das cubertas, a restauración da fachada oeste do edificio claustral ou das capelas de San Andrés, a Soidade, Prima e do Cristo de Burgos. “A estratexia de país posta en marcha nesta Basílica debe trasladarse ao resto dos conxuntos catedralicios guiados por un denominador común, o Xacobeo, e co obxectivo de garantir a súa preservación para as xeracións que virán tras de nós”, sostivo.
Catro grandes templos
Outra das catedrais incluídas neste plan é a de Lugo, situada ao pé da Muralla no Camiño Primitivo. A nova ferramenta do Goberno galego prevé para este templo unha quincena de actuacións dotadas con case 7M€ destinados a restaurar a zona do claustro, renovar a cuberta, rehabilitar zonas como a sancristía ou as capelas e mellorar as condicións de humidade reparando filtracións e substituíndo canlóns. Así mesmo, tamén se restaurarán bens artísticos como a porta medieval, o coro ligneo ou os órganos da epístola, do evanxeo e da Capela da Virxe dos Ollos Grandes.
A outra catedral da provincia de Lugo que se contempla neste plan é a de Mondoñedo, coñecida por ser unha das xoias do Camiño do Norte e incluída, como a de Lugo, na declaración de Patrimonio Mundial da Unesco acadada no ano 2015. Neste caso están previstas unha decena de actuacións cun investimento de máis de 6,5M€. Os principais traballos que se porán en marcha son a limpeza e consolidación das torres, a rehabilitación integral da parte sen uso do Pazo Episcopal para ampliar o museo ou a resolución das humidades que afectan a diferentes puntos do templo. Así mesmo dotarase ao conxunto catedralicio dun novo proxecto museográfico e restauraranse bens artísticos como as pinturas murais ou os órganos.
No caso da Catedral de Ourense, na Vía da Prata, está previsto un investimento de preto de 7M€ para restaurar zonas exteriores como a Torre de San Martiño, as fachadas occidental e sur, o ciborio ou a igrexa do Pazo Arcebispal e intervir en espazos interiores como o arquivo da catedral, a reixa do altar maior, o proxecto museístico ou as bóvedas.
Un dos monumentos máis importantes do Camiño Portugués é a Catedral de Nosa Señora da Asunción de Tui, un inmoble que destaca polo seu aspecto de fortaleza e no que a Xunta de Galicia ten previsto investir máis de 9M€ ao abeiro deste Plan Catedrais. Así, están previstas actuacións en todo o complexo entre as que destacan a restauración do claustro e da fachada norte, a consolidación do pórtico, a posta en marcha da segunda fase do Museo Pazo Episcopal ou as actuacións que se farán no interior e que inclúen a restauración de espazos e mobles histórico-artísticos.
Os traballos en Tui contemplan tamén o acondicionamento do edificio do arquivo histórico catedralicio e unha proposta para aproveitar os espazos exteriores da Catedral que estean deteriorados ou abandonados para usos culturais.
Foz, Ferrol e Vigo
Ademais das catedrais, o plan deseñado co horizonte do Xacobeo 2027 tamén inclúe actuacións na antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, e nas concatedrais de San Xiao de Ferrol e de Santa María de Vigo. No seu conxunto, o Goberno galego destinará 1,8M€ para blindar o mantemento e conservación destes tres templos coa intención de preservar o seu patrimonio e poñelos en valor.
No caso de Foz, a Administración autonómica investirá 450.000€ na coñecida como a catedral en pé máis antiga de España, onde está previsto actuar para resolver o alto nivel de humidade do interior, a acondicionar a horta da reitoral e a restaurar as pinturas murais. Pola súa banda, o orzamento previsto para a concatedral de Santa María de Vigo destinarase a levar a cabo obras de mantemento na colexiata por valor de 500.000€.
Os traballos previstos en San Xiao de Ferrol, cun orzamento de 850.000€, inclúen a mellora dos accesos, a renovación dos pavimentos, a limpeza das torres e a rehabilitación da sala capitular do espazo do coro.
O acto contou coa presenza dos bipos da Diócese de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco e da Diócese de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza; o deán do Cabildo de Tui-Vigo, José Diéguez Dieppa, o deán da Catedral de Lugo, Mario Vázquez Carballo, o director da Fundación Catedral Santiago de Compostela, Daniel Lorenzo, o delegado de Patrimonio de Tui-Vigo, Andrés Fuertes Palomera, e o delegado de Patrimonio de Lugo, César Carnero. Tamén asistiron o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, a tenente-alcalde do Concello de Mondoñedo, Elena Candia, e Paula Alvarellos e Armando Ojea en representación municipal de Lugo e Ourense respectivamente.