Nova: A mostra da Xunta en homenaxe a Xela Arias ‘Tigres coma cabalos‘ está xa en Santiago

30/07/2021
A mostra da Xunta en homenaxe a Xela Arias ‘Tigres coma cabalos‘ está xa en Santiago
Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística inauguraron hoxe no Museo do Pobo Galego a exposición, que se exhibiu previamente no Museo do Mar de Galicia, en Vigo
Componse de 48 paneis que combinan fotografías de Xulio Gil e textos da escritora homenaxeada recuperando o poemario icónico homónimo 31 anos despois
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021.- Os secretarios xerais de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García, participaron hoxe en Santiago de Compostela na inauguración da mostra da Xunta en homenaxe a Xela Arias Tigres coma cabalos. A exposición, que exhibiu previamente o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, no marco da programación das Letras Galegas 2021, chega agora ao Museo do Pobo Galego, onde permanecerá ata o 26 de setembro.
Nas súas intervencións, os secretarios xerais destacaron que con esta iniciativa se recupera, 31 anos despois, “unha das obras máis emblemática e vangardista de Xela Arias, realizada en colaboración co fotógrafo Xulio Gil”. Sinalaron ademais o “carácter pioneiro do proxecto creativo desenvolvido por ambos os dous artistas” a partir dos seus respectivos traballos poéticos e fotográficos.
A partir de 24 obras individuais iniciais, cada artista traballou sobre as pezas do outro ata acadar dúas ducias máis de creacións. Así, a exposición componse de 48 paneis que recollen este resultado combinatorio de textos e imaxes. Os propios autores salientaron xa desde o primeiro momento a independencia dos traballos na súa orixe e o proceso de intercambio creativo posterior, incidindo en que non se trata nin de pés de foto nin de ilustracións ao texto.
Prolongación da homenaxe
A posta en marcha da instalación xurdiu no marco dos actos organizados pola Xunta co gallo do Día das Letras Galegas e acompáñase, ademais, dunha reedición da obra do mesmo nome en formato catálogo. Con esta exposición itinerante, a Xunta prolonga no tempo e no territorio a homenaxe a Xela Arias. Nesta liña, cómpre lembrar que tamén está a percorrer Galicia a mostra Asinamos ser libres, que chegará ata finais de ano a unha ducia de concellos. A ampla programación desenvolvida é froito da colaboración entre as institucións e a familia da autora.
Un percorrido guiado polo autor da mostra, Xulio Gil, completou o acto inaugural de hoxe, ao que tamén asistiron o fillo da escritora, Darío Gil; o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, e a tenenta de alcalde e concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón.