Nova: Axudas a actuacións arqueolóxicas promovidas por particulares
19/01/2015
Axudas a actuacións arqueolóxicas promovidas por particulares
A convocatoria publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia e os interesados dispoñen dun mes de prazo para formalizar as solicitudes
Santiago, 19 de xaneiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar novamente as axudas para o financiamento de intervencións arqueolóxicas promovidas por particulares, dotadas cunha contía de 50.000 euros.
Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, estas axudas están destinadas aos promotores particulares (ben sexan persoas físicas ou xurídicas) que realicen obras que afecten a un conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacementos catalogados ou inventariados, sempre que a Consellería ou a figura de planeamento vixente determine a necesidade de realizar ditas intervencións; así como os controis arqueolóxicos debidamente autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Trátase dunha convocatoria en concorrencia non competitiva, é dicir, que serán admitidas todas as solicitudes que cumpran cos requisitos esixidos ata esgotar o crédito existente. Entre eles, as actuacións deben ser conformes aos proxectos arqueolóxicos presentados; deben estar autorizadas e realizadas desde o ano 2010 en diante e teñen que estar xa finalizadas; e é necesario acreditar a presentación e entrega dos correspondentes informes valorativos ou das memorias técnicas, entre outros.
Non obstante quedan excluídas desta orde de subvencións as actividades derivadas das medidas protectoras e correctoras establecidas nos estudios ambientais ou nas declaracións ambientais; as intervencións arqueolóxicas derivadas de obras que foron obxecto de sanción en materia de patrimonio cultural; e aquelas actuacións que xa foron indemnizadas pola Consellería a raíz dunha sentenza xudicial, ou ben xa foron subvencionadas en anteriores convocatorias.
As solicitudes poden presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , ou ben en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros públicos legalmente establecidos.