Nova: A obra lusa O amor dos infelizes represéntase no Salón Teatro
20/01/2015
A obra lusa O amor dos infelizes represéntase no Salón Teatro
Será a primeira das catro montaxes chegadas de Portugal que se poderán ver ata xuño neste espazo compostelán dentro do plan de intercambio e colaboración co país veciño que mantén o Centro Dramático Galego
Interpretada por Margarida Gonçalves a partir do texto de Valter Hugo Mãe, a peza preséntanos a historia dunha muller anana que sobrevive da caridade do mesmo pobo que, porén, rexeitará a súa busca do amor
Este espectáculo, co que Teatro Bruto se despide dos escenarios tras 20 anos de actividade, forma parte da oferta do Bono de Teatro Galego e Portugués 2015
Santiago, 20 de xaneiro de 2015.- O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recibirá este xoves, ás 20.30 horas, a compañía do Porto Teatro Bruto co espectáculo O amor dos infelizes, que se presenta en Santiago dentro do plan de intercambio e colaboración coa escena portuguesa que mantén o Centro Dramático Galego (CDG).
Esta montaxe, coa que Teatro Bruto anunciou que se despide dos escenarios tras vinte anos de actividade, será a primeira das catro propostas lusas que se poderán ver na sede do CDG durante este semestre. Así, a Companhia de Teatro de Braga viaxará ata Compostela en febreiro para representar o día 11 Um Picasso, de Jeffrey Hatcher, mentres que o 9 de abril a Companhia de Teatro de Almada escenificará O mandarim, de Eça de Queiroz, e os días 8 e 9 de maio será a quenda da plataforma artística PELE e o Grupo de Teatro de Surdos do Porto coa peza Nós.
Neste mesmo programa de colaboración entre a unidade de produción teatral da Consellería de Cultura e Educación e diferentes estruturas escénicas do país veciño insírese, ademais, a posta en escena de Saxo Tenor, de Roberto Vidal Bolaño, polo Teatro Nacional Dona María II de Lisboa. Esta versión portuguesa da obra do gran dramaturgo galego poderá verse tamén na capital de Galicia, neste caso no Teatro Principal os días 29 e 30 de maio. Pola súa banda, o Salón Teatro acollerá do 13 ao 29 de marzo Xardín suspenso, a nova produción propia do CDG que dirixirá Cándido Pazó a partir da obra do portugués Abel Neves.
Sinopse
Con dirección de Ana Luena, O amor dos infelizes está interpretada en solitario por Margarida Gonçalves a partir do segundo capítulo do romance ‘O filho dos mil homens’, do autor portugués Valter Hugo Mãe, colaborador en diferentes proxectos artísticos desenvolvidos por Teatro Bruto. Desta volta, a compañía do Porto presenta unha crúa historia sobre as diferenzas e a procura do amor a través dos ollos dunha muller anana.
Condicionada polo seu aspecto físico, a protagonista sobrevive da caridade dos seu veciños, habitantes dun pequeno pobo interior, que a perciben como un ser torpe, como unha nena que nunca medra, e mesmo a rexeitarán cando se atreva a buscar o amor.
Na súa posta en escena, Margarida Gonçalves explora o territorio que se sitúa entre a personaxe e a narradora, de xeito que –tal e como explica a compañía– “é a espectadora de si mesma e dos acontecementos que narra e, simultaneamente, o vehículo dos sentimentos máis amplos e complexos que o texto propón”.
As entradas para este espectáculo poden adquirise no despacho de billetes do Teatro Principal, de 18.00 a 21.00 horas, ou no do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da función. O prezo das localidades é de 10 euros, sobre o que se aplican os descontos habituais.
Ademais e como o resto das montaxes de teatro portugués previstas para esta temporada, O amor dos infelizes forma parte da oferta do Bono de Teatro Galego e Portugués que manteñen o Concello de Santiago e a Axencia Galega das Industrias Culturais. O Salón Teatro, o Teatro Principal e a Zona C forman parte desta iniciativa, que posibilita obter 5 entradas para 5 espectáculos por un total de 35 euros.