Nova: A programación sinfónica do Xacobeo 21-22 incluirá unha trintena de concertos e catro xiras musicais en colaboración coas principais agrupacións de música clásica de Galicia
05/08/2021
A programación sinfónica do Xacobeo 21-22 incluirá unha trintena de concertos e catro xiras musicais en colaboración coas principais agrupacións de música clásica de Galicia
A Xunta inviste 1,5M€ nestas actividades que percorrerán toda a xeografía galega, con escenarios en lugares de interese patrimonial e do Camiño
Apoiarase a creación de emprego no sector con encargas de proxectos como a edición de traballos discográficos centrados na música de compositores galegos ou a elaboración de unidades didácticas
Román Rodríguez destaca o valor do Xacobeo como “gran motor de reactivación cultural”
Pon en valor a traxectoria e selo de calidade da Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra de Cámara Galega e a Orquestra Vigo 430
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe canda a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a programación sinfónica do Xacobeo 21-22, que conta cun investimento de 1,5M€ por parte da Xunta de Galicia. Un programa de máis de 50 accións “para impulsar e reforzar o apoio do Goberno galego á música clásica”, sinalou, e que contará coa colaboración das catro principais agrupacións, que tamén participaron na presentación: a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra de Cámara Galega e a Orquestra Vigo 430.
Tal e como explicou o titular do departamento de Cultura da Xunta, o programa inclúe máis de 30 concertos por toda a xeografía galega, outras actuacións enmarcadas en ata catro xiras (algunhas mesmo fóra da Comunidade) e a gravación de catro proxectos musicais. Así mesmo, están previstas unha decena de accións “como encargas a compositores, proxectos dirixidos a promover a música clásica entre os máis novos ou a fomentar dentro destas entidades o uso de plataformas dixitais para a difusión das súas creacións”, sinalou o conselleiro.
Colaboración con grupos e artistas de pop e rock
O obxectivo desta programación é reforzar a presenza da música clásica na celebración do Xacobeo, achegándoa ao gran público. Neste sentido puxo en valor que os concertos estarán distribuídos en diferentes localidades ao longo da xeografía galega, escollendo para unha parte deles lugares de interese patrimonial como igrexas ou catedrais, así como emprazamentos destacados do Camiño de Santiago.
O conselleiro quixo ademais destacar a importancia desta programación para apoiar a todos os profesionais deste sector, “favorecendo a produción artística e a creación de emprego por parte de todos os profesionais implicados”. De feito, inclúe colaboracións con artistas e grupos de pop, rock ou outros xéneros como o de Luz Casal; a encarga a artistas destacados do eido musical, literario e teatral (para óperas, por exemplo); a edición de traballos discográficos centrados na música de compositores galegos, ademais doutras accións como a elaboración de materiais didácticos que permiten tanto ampliar o público interesado como os profesionais contratados.
Motor de reactivación cultural
Román Rodríguez reiterou o valor do Xacobeo 21-22 como “gran motor de reactivación cultural” e agradeceu a implicación das catro agrupacións musicais participantes nesta programación sinfónica, “entidades recoñecidas dentro e fóra de Galicia que se caracterizan por realizar unha encomiable labor de difusión musical entre todo tipo de públicos e que lograron situar a nosa Comunidade como un referente pola súa lonxeva traxectoria e polo selo de calidade que levan implícito”.
O conselleiro de Cultura explicou que esta programación é posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia a estas catro agrupacións a través de senllos convenios individuais, que teñen como finalidade impulsar a súa “produción cultural de primeiro nivel e o seu papel fundamental como dinamizadores do emprego artístico dentro das nosas industrias culturais”.
Pola súa banda, a diretora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou que “seguimos apoiado ao sector cultural, pero sobre todo, aos profesionais que conforman este sector e que son embaixadores da marca Galicia, promovendo a imaxe e a cultura de Galicia tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Profesionais -recalcou- que representan un dos obxectivos cos que traballamos no goberno galego, a excelencia: co seu talento, o seu traballo e os niveis de calidade acadados, os concertos, xiras e actuacións que inclúe esta nova programación sinfónica, nos permiten tamén difundir un dos nosos leiv motiv como destino, Galicia é calidade, Galicia é excelencia, tamén na música clásica”.
Diversidade de accións
En concreto, a colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) inclúe a realización de proxectos extraordinarios con artistas de pop e rock, xiras da orquestra fóra de Galicia (en San Sebastián, Madrid e Santander), actividades vencelladas ao X aniversario das Orquestras Infantís e a Orquestra Nova (OJSG) e concertos dos coros da OSG en igrexas, catedrais e outros auditorios de Galicia. Así mesmo, inclúe a gravación e retransmisión de actividades a través de diversas plataformas virtuais, un proxecto de encargas e estreas e a colaboración co Centro Nacional de Difusión Musical, entre outros.
No caso da Real Filharmonía de Galicia, a programación inclúe a xira RFG no Camiño, varios concertos da orquestra (25 aniversario, apertura da tempada...), a realización dunha ópera bufa en galego de Fernando Buide con dramaturxia de Quico Cadaval, varios proxectos de gravación de CDs, un proxecto educativo para público novo e outro de carácter dixital, entre outras accións.
No que se refire á Orquestra de Cámara Galega, buscarase poñer en valor o talento dos músicos e compositores galegos, con concertos en 10 localidades galegas e a edición de dous discos especiais. Neste caso colabórase coa Fundación Rogelio Groba na realización de concertos de cámara nos que será incluída música de compositores galegos, facendo especial incidencia na obra do mestre Rogelio Groba e se incluirán accións especiais que poñan en valor os 26 anos na escena musical da Orquestra de Cámara Galega.
Finalmente, a Asociación Orquestra Vigo 430 realizará un total de nove concertos con ata tres programas diferentes.