Nova: Mellora dos servizos bibliotecarios de Ferrol

20/01/2015

Mellora dos servizos bibliotecarios de Ferrol

A Xunta equipara o investimento realizado na cidade departamental co do resto das seis bibliotecas centrais territoriais das cidades galegas

Este ano destínanse 40.000 euros á mellora da colección bibliográfica e á realización de actividades de dinamización da lectura na Biblioteca Central Municipal de Ferrol
 

  • Destínanse 40.000 euros á mellora da colección bibliográfica e a realización de actividades de dinamización da lectura Destínanse 40.000 euros á mellora da colección bibliográfica e a realización de actividades de dinamización da lectura
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, na sinatura do acordo de colaboración para a mellora dos servizos bibliotecarios que presta a Biblioteca Municipal Central de Ferrol O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, na sinatura do acordo de colaboración para a mellora dos servizos bibliotecarios que presta a Biblioteca Municipal Central de Ferrol
  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, na sinatura do acordo de colaboración para a mellora dos servizos bibliotecarios que presta a Biblioteca Municipal Central de Ferrol O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, na sinatura do acordo de colaboración para a mellora dos servizos bibliotecarios que presta a Biblioteca Municipal Central de Ferrol

Ferrol, 20 de xaneiro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, veñen de asinar hoxe un acordo de colaboración para a mellora dos servizos bibliotecarios que presta a Biblioteca Municipal Central de Ferrol mediante o financiamento da actualización e diversificación da súa colección bibliográfica e documental e das actividades de dinamización bibliotecaria e documental. Nesta sinatura estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o concelleiro ferrolán de Cultura e Universidade, Manuel-Reyes García, e o xefe territorial da Consellería, Indalecio Cabana.

Xesús Vázquez Abad aclarou que para a realización das devanditas accións a Xunta de Galicia achegará 40.000 euros, de xeito que o investimento disposto para a biblioteca ferrolá se equipara co do resto de bibliotecas centrais territoriais das urbes galegas. Desde a Consellería enténdese necesario equiparar o orzamento dedicado á mellora das coleccións e actividades de dinamización deste centro co das seis bibliotecas centrais territoriais das outras cidades galegas, ás que a anterior Lei de bibliotecas lles asignou a categoría de bibliotecas nodais.

Servizo para 70.000 habitantes
“A actual Biblioteca municipal –afirmou o conselleiro−, sita no antigo edificio do Banco de España e con dúas sucursais en funcionamento en Caranza e o Inferniño, brinda servizos a máis de 70.000 habitantes e está a desenvolver un labor bibliotecario que supera amplamente o da súa tipoloxía actual.” “Coa mellora dos seus servizos –dilucidou o titular de Cultura e Educación− esta institución cultural básica para a cidade intenta adaptarse ás novas necesidades e expectativas das persoas que fan uso da mesma, á procura de ser un soporte informativo, de promoción da lectura e acceso ás novas tecnoloxías esencial para a comunidade ferrolá.”

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comprométese así a dotar a biblioteca dos medios económicos que lle permitan ampliar, actualizar e diversificar a súa colección bibliográfica e documental; a prover a biblioteca de medios económicos para a mellora das súas actividades de dinamización bibliotecaria e lectora; e á incorporación desta biblioteca á fase inicial de implantación do novo programa de xestión bibliotecaria. Neste sentido, Vázquez Abad afirmou na súa intervención que “desde a Xunta de Galicia creemos que as bibliotecas públicas deben ter un protagonismo central dentro da política cultural das comunidades locais e, para isto, as nosas bibliotecas deben ofrecer unha carta de servizos ampliados de carácter informativo, educativo e sociocultural.”

Reforzar os servizos bibliotecarios de Ferrol
Segundo establece o acordo, o Concello de Ferrol comprométese a proporcionar os servizos bibliotecarios adecuados para o cumprimento das funcións dunha biblioteca de ámbito territorial, a coordinar e apoiar as bibliotecas de ámbito inferior do seu territorio,a adquirir fondos bibliográficos e documentais que sirvan para actualizar e diversificar a súa colección e a realizar actividades de dinamización bibliotecaria e documental destinadas a todos os públicos e ao longo de todo o ano 2015.

A nova consideración de central territorial para a biblioteca de Ferrol que establecerá o Mapa de Bibliotecas de Galicia implicará que nas axudas ou achegas da Consellería se beneficiará dun maior investimento para acometer as funcións atribuídas a este tipo de bibliotecas, que deben ofrecer servizos bibliotecarios integrais ao territorio no que están asentadas e coordinan, e préstanlles servizos de asesoramento, préstamo interbibliotecario e soporte técnico á rede de bibliotecas de ámbito inferior.

Comparte