Nova: Declarada Ben de Interese Cultural a Fábrica de Sargadelos de Cervo
22/01/2015
Declarada Ben de Interese Cultural a Fábrica de Sargadelos de Cervo
A declaración de BIC, coa categoría de monumento, ten como obxectivos protexer, conservar e poñer en valor este proxecto singular e pioneiro da creación artística e do rexurdir cultural de Galicia impulsado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane
Santiago, 22 de xaneiro de 2015.- A Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, no municipio lucense de Cervo, foi declarada Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento polo Decreto 171/2014, do 26 de decembro, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, contribúe a protexer e conservar este singular proxecto industrial, cultural e de identidade galega ideado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.
A declaración como BIC contribúe, así mesmo, a poñer en valor e distinguir un conxunto industrial cunha gran significación arquitectónica, artística, científica, técnica e cultural único en Galicia, ao tempo que favorece a súa conservación a través da máxima protección legal.
O Consello da Xunta aprobou o pasado mes de decembro o decreto, logo de que a delimitación do monumento e do seu ámbito de protección fosen sometidos a exposición pública, e unha vez oídas as recomendacións da Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario e do Consello da Cultura Galega, así como atendidas as alegacións referidas ao contorno de protección.
Singularidade arquitectónica do conxunto
A delimitación do complexo que establece a declaración como BIC inclúe o edificio circular de Andrés Fernandez-Albalat, o primeiro do complexo e cuxas obras se iniciaron en 1968; a vivenda de Isaac Díaz Pardo, un pequeno edificio no que o artista utiliza para o seu deseño unha linguaxe tradicional con incorporacións de elementos de modernidade; o Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación, a Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, a marquesiña ondulada de formigón do aparcamento, torres e pasarelas metálicas que comunican os edificios, o zócolo de pedra da ampliación da fábrica cos seus murais e esculturas de Díaz Castro, o depósito de auga-miradoiro, o edificio de tratamento de minerais, dous fornos experimentais e a Pía do Xunco co mosaico de Luís Seoane. Todos eles, a excepción do edificio circular, foron concibidos e deseñados por Isaac Díaz Pardo.
Así mesmo, a declaración BIC inclúe unha serie de pertenzas, accesorios e bens mobles e documentais vinculados especialmente ao conxunto que quedan tamén baixo protección, como os mosaicos de Luís Seoane no comedor do edificio circular, a escultura de tres caras de Díaz Pardo incrustada no muro da planta baixa da praza circular, a Táboa dos Irmandiños de Seoane –serie de portas de madeira con debuxos inspirados no mundo celta–, os mobles deseñados por Díaz Pardo para o devandito edificio, e o sistema de sinalización, obra de Isaac Díaz Pardo, que abrangue tanto sinais direccionais ou identificativos de zonas ou actividades, como pictogramas dos aseos ou carteis didácticos dirixidos ao persoal.
O conxunto de Sargadelos nace da vontade de Díaz Pardo e Seoane de crear un lugar emblemático e pioneiro da creación artística e do rexurdir cultural de Galicia, preto do que foi o antigo complexo das fábricas de siderurxia e cerámica dos séculos XVIII e XIX de Sargadelos creado por Antonio Raimundo Ibáñez cuxo pensamento ilustrado inspirou a Díaz Pardo. O conxunto de edificios construído entre 1968 e a década dos anos setenta do século XX, sitúase no lugar chamado O Rato, na parroquia de Sargadelos no concello lugués de Cervo.
A Fábrica de Cerámica de Sargadelos é un exemplo singular e único de industria na que o proceso de produción era parte dun ambicioso proxecto de rexeneración cultural e social de Galicia, no que o Laboratorio de Formas e as actividades culturais e de investigación derivadas del e da fábrica, conformaron unha realidade sobranceira da vangarda galega.
Un proxecto emblemático e pioneiro