Nova: Funcións escolares de Talía no Salón Teatro con dúas obras sobre o galego

24/01/2015

Funcións escolares de Talía no Salón Teatro con dúas obras sobre o galego

Máis de 600 estudantes achegaranse a Santiago para os cinco pases matinais de ‘Bicos con lingua’ e ‘Pelos na lingua’ que terán lugar do luns 26 ao mércores 28

A compañía regresará en maio á sede do CDG para presentar ‘Sopa de sapo’ e ‘Demolición’, as súas dúas últimas montaxes

  • Imaxe do espectáculo 'Bicos con lingua' Imaxe do espectáculo 'Bicos con lingua'
  • Imaxe do espectáculo 'Pelos na lingua' Imaxe do espectáculo 'Pelos na lingua'

Santiago, 24 de xaneiro de 2015.- O Salón Teatro, espazo escénico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acollerá a partir deste luns día 26 a campaña escolar que a compañía Talía Teatro desenvolverá en Santiago con ‘Bicos con lingua’ e ‘Pelos na lingua’, os seus dous espectáculos sobre o galego.

Máis de 600 alumnos procedentes de sete centros escolares de toda Galicia (IES Milladoiro de Ames, IES Francisco Asorey de Cambados, CPI Vicente Otero de Carral, IES de Curtis, IES Monte da Vila do Grove, IES de Rábade e IES Isaac Díaz Pardo de Sada) desprazaranse ata a sede do Centro Dramático Galego para asistir ao total de cinco funcións destas dúas comedias producidas por Talía, unha das compañías de referencia da escena galega. No caso de ‘Bicos con lingua’, as funcións terán lugar o luns 26 ás 12.00 horas e o martes 27 ás 10.30 e ás 12.00 horas, mentres que ‘Pelos na lingua’ representarase o mércores 28 ás 10.30 e ás 12.00.

Ferramentas didácticas
Estas dúas pezas, dirixidas ambas por Avelino González, propoñen unha reflexión sobre a situación do idioma galego na sociedade actual. Ao tempo, facilítaselles aos profesores unha útil ferramenta didáctica para que traballen cos seus alumnos moi diversos contidos relacionados coa sociolingüística.

No caso de ‘Bicos con lingua’, produción que se mantén en cartel desde 2013 ante a continua demanda por parte dos centros de ensino, Toño Casais e Artur Trillo abordan en clave de comedia diversas situacións cotiás que dan pé a unha análise máis profunda sobre o uso da lingua. Os textos que poñen en escena son obra de Avelino González, Cándido Pazó, Xavier Lama, Suso de Toro, Ana Iglesias, Núñez Singala e Marta Echeverría.

Pola súa banda, ‘Pelos na lingua’, estreada en 2011, podería considerarse a segunda parte da anterior proposta, aínda que non se trata dunha continuación da liña argumental xa que o seu enfoque de partida é diferente. Toño Casais, Artur Trillo e María Ordóñez compoñen o trío interpretativo desta proposta, construída a partir de textos dos dous últimos xunto a Avelino González e Séchu Sende.

Estilo propio e orixinal
Cunha decena de espectáculos en xira e 37 realizados desde a súa fundación en Cee en 1988, Talía Teatro confírmase como unha das formacións escénicas galegas con maior capacidade de produción e distribución a partir de montaxes que definen un estilo propio e orixinal.

Tras esta campaña escolar en Compostela, a compañía regresará ao Salón Teatro do 14 ao 17 de maio para presentar as súas máis recentes producións: a proposta para público familiar ‘Sopa de sapo’, de Artur Trillo, e a obra de Cándido Pazó ‘Demolición’.

Comparte