Nova: Estrea do documental A busca da mirada. 25 anos de cine galego

26/01/2015

Estrea do documental A busca da mirada. 25 anos de cine galego

O Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura de Galicia acollerá este mércores día 28 ás 18:00 horas a primeira proxección pública desta fita dirixida por Teo Manuel Abad

A estrea forma parte das actividades de conmemoración do vixésimo quinto aniversario da estrea das tres primeiras longametraxes galegas de ficción: ‘Continental’, ‘Urxa’ e ‘Sempre Xonxa’

  • O documental forma parte das actividades conmemorativas do vixésimo quinto aniversario da estrea das tres primeiras longametraxes de ficción: Sempre Xonxa, Continental e Urxa O documental forma parte das actividades conmemorativas do vixésimo quinto aniversario da estrea das tres primeiras longametraxes de ficción: Sempre Xonxa, Continental e Urxa

Santiago, 26 de xaneiro de 2015.- A Cidade da Cultura de Galicia acollerá este mércores día 28 a estrea do documental titulado ‘A busca da mirada. 25 anos de cine galego’, froito da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Televisión de Galicia (TVG) e a Academia Galega do Audiovisual (AGA) como parte das accións promovidas conxuntamente para conmemorar o vixésimo aniversario do cinema galego, efeméride que se vén celebrando desde finais do pasado ano 2014, cando se cumpriu o vixésimo quinto aniversario da estrea comercial das tres primeiras longametraxes galegas de ficción: ‘Continental’, ‘Urxa’ e ‘Sempre Xonxa’.

O Salón 1 do edificio CINC (Centro de Innovación Cultural) recibirá para a ocasión a partir das 18:00 horas unha representación dos protagonistas destes últimos 25 anos de traxectoria cinematográfica en Galicia, moitos deles presentes no documental, ademais de integrantes do sector audiovisual galego na actualidade. A proxección terá lugar a poucos metros do Museo Centro Gaiás, que acolle ata o 8 de febreiro a exposición ‘Cinegalicia25’, dedicada tamén a lembrar este aniversario

Dirixido por Teo Manuel Abad, ‘A busca da mirada. 25 anos de cine galego’ está realizado pola AGA, co apoio de TVG e da Consellería a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), co obxectivo de ofrecer unha visión da creación cinematográfica galega desde os seus comezos ata hoxe.

O fío condutor da obra é unha conversa entre tres dos representantes máis destacados de cada unha das tres películas homenaxeadas: Xavier Villaverde como director de ‘Continental’, Carlos Piñeiro como codirector de ‘Urxa’ e Uxía Blanco como actriz protagonista de ‘Sempre Xonxa’.

Secuencias de máis de vinte filmes
Aparecen no documental os principais instantes resultado deste coloquio, conducido pola actriz Lucía Regueiro e gravado o pasado mes de outubro na Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela coa asistencia dun grupo de alumnos de Xornalismo. Rememóranse así anécdotas, sentimentos e impresións daqueles momentos fundacionais, relativos tanto á rodaxe dos tres filmes como aos días das súas respectivas estreas no marco do evento ‘Cinegalicia’ que acollera o Cine Fraga de Vigo en novembro de 1989.

Ademais, a través dun contexto temporal marcado pola mención de distintos fitos históricos (desde a caída do Muro de Berlín ata a toma de posesión como presidente dos Estados Unidos de Barack Obama), estas declaracións aparecen intercaladas por fragmentos de secuencias dunha vintena de películas producidas en Galicia neste anos, así como polas intervencións de creadores, intérpretes e figuras do audiovisual galego que falan do pasado, do presente e do futuro do sector.

Comparte