Nova: A Xunta apoia un ciclo que percorrerá Galicia en homenaxe ás mulleres galegas a través das artes
09/09/2021
A Xunta apoia un ciclo que percorrerá Galicia en homenaxe ás mulleres galegas a través das artes
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do ciclo ‘Mulleres mirando ás mulleres’ que mesturará música, literatura e pintura
Distintas artistas realizarán propostas en homenaxe a figuras como Rosalía de Castro, Eugenia Osterberger, Fanny Garrido ou Maruxa Mallo, entre outras, en Lugo, Ferrol, Ourense e Pontevedra durante este mes de setembro
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2021.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do ciclo Mulleres mirando ás mulleres, unha iniciativa conta co apoio da Xunta e que percorrerá varias localidades galegas para homenaxear a distintas mulleres a través das artes.
Mulleres mirando ás mulleres é un proxecto que une música e literatura da man de artistas como a compositora e pianista Julia Mª Dopico, acompañada das tamén intérpretes Isabel Pérez Dobarro (piano), Raquel Areal Martínez (violín) e Sara Areal Martínez (violín). Elas serán as protagonistas dos catro concertos que se levarán a cabo ao longo deste mes de setembro nas cidades de Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol, en homenaxe a figuras senlleiras das artes en Galicia como Rosalía de Castro, Eugenia Osterberger, Fanny Garrido ou Maruxa Mallo, entre outras.
Como expresou o secretario xeral de Cultura durante a rolda de prensa, trátase dunha iniciativa que demostra “o potencial creativo que temos en Galicia e a importancia que a arte, nas súas diferentes manifestacións, ten á hora de render homenaxe a algunhas das nosas principais figuras”, expresou.
Anxo M. Lorenzo agradeceu á organización o esforzo por poñer en marcha esta iniciativa que, como recordou, está enmarcada no compromiso da Xunta por “dar continuidade á cultura coa máxima seguridade sanitaria e apoiar aos profesionais que durante todo este verán no que programamos máis de 3.000 actividades deron mostras da súa fortaleza”, indicou.
O ciclo, presentado hoxe no Museo das Peregrinacións e de Santiago, divulgará ao público as figuras como Rosalía de Castro; Fanny Garrido, que formou parte da Real Academia Galega e traduciu a obra de Goethe; Eugenia Osterberger, que destacou pola súa contribución á consolidación de músicas culturas de raíz galega; á pintora e intelectual Maruxa Mallo, así como tamén da artista María Balteira, que protagonizou moitas cancións e poemas de trobadores medievais.
Datas e lugares
Os concertos incluirán poemas das homenaxeadas, textos creados polas intérpretes e compositoras e intervencións que expliquen as pezas musicais.
As actividades empezarán o próximo día 17 deste mes en Ferrol (ás 21,00 horas no Teatro Jofre) e continuarán o día 18 en Lugo (ás 20,00 horas no Círculo das Artes) e o 24 de setembro en Ourense (ás 20,30 horas no Liceo de Ourense). O ciclo pecharase o día 25 de setembro en Pontevedra (no salón nobre do Liceo Casino de Pontevedra ás 20,30 horas).