Nova: O Centro Coreográfico Galego inicia con seis cursos o seu plan formativo de 2015

27/01/2015

O Centro Coreográfico Galego inicia con seis cursos o seu plan formativo de 2015

Ana Serantes, Lázaro Carreño, Jordi Vilaseca, Iván Villar, Catherine Turocy e Ana Abad Carles impartirán estes obradoiros, que se desenvolverán en distintas datas entre finais de xaneiro e abril

A sede da compañía pública na Coruña acolle o inicio do programa, que este ano amplía a súa oferta formativa a diferentes xéneros coreográficos e enfoques teóricos

  • A bailarina galega Ana Serantes, que impartirá un obradoiro sobre danza clásica A bailarina galega Ana Serantes, que impartirá un obradoiro sobre danza clásica
  • O cubano Lázaro Carreño, encargado doutro dos obradoiros de danza O cubano Lázaro Carreño, encargado doutro dos obradoiros de danza

A Coruña, 27 de xaneiro de 2015.- Un total de seis cursos de danza clásica, contemporánea, galega, barroca e de investigación coreográfica arrancan o plan formativo que o Centro Coreográfico Galego (CCG) desenvolverá durante 2015. Os mestres Ana Serantes García, Lázaro Carreño, Jordi Vilaseca, Iván Villar Agulleiro, Catherine Turocy e Ana Abad Carles impartirán os encontros desta nova convocatoria, a través da que a unidade de danza da Xunta de Galicia amplía o seu programa formativo en canto a xéneros coreográficos e enfoques teóricos.

Esta primeira oferta cuadrimestral, para a que xa está aberto o prazo de inscrición segundo as indicación recollidas na web do centro, desenvolverase en diferentes datas ata finais de abril na sede do CCG na Coruña. A bailarina galega Ana Serantes García encargarase do primeiro dos obradoiros, centrado na danza clásica e o seu repertorio, que terá lugar nas mañás dos sábados desde o 31 de xaneiro ata o 28 de febreiro.

A matrícula no taller de Ana Serantes, para o que mañá finaliza o prazo de inscrición, é gratuíta, mentres que para o resto dos encontros programados establécese un prezo de 35 euros, coa posibilidade de asistir a clases soltas por un importe de 10 euros cada unha. É o caso do curso teórico-práctico para profesores, estudantes e profesionais da danza clásica co mestre cubano Lázaro Carreño, que se celebrará do 2 ao 6 de febreiro e para o que tamén remata mañá o período de rexistro.

Novo taller con Carreño
Tras a gran demanda do curso que Carreño ofreceu na Coruña o pasado mes de xaneiro, o que fora primeiro bailarín do Ballet Nacional de Cuba durante tres décadas regresa ao Centro Coreográfico Galego para compartir os seus coñecementos cos alumnos galegos, como como xa o fixo en compañías do renome do American Ballet Theatre, o Royal Ballet de Londres, a Ópera de París, o Houston Ballet de EE.UU. ou a Compañía Nacional de Danza de España, entre outras.

Pola súa banda, o bailarín e coreógrafo catalán Jordi Vilaseca estará na Coruña do 16 ao 20 de febreiro para ofrecer o ‘Curso de danza contemporánea e taller coreográfico’, dirixido tanto a estudantes como a profesionais e para o que o prazo de inscrición remata o 11 de febreiro. A pesar da súa xuventude, Vilaseca conta cunha recoñecida experiencia como creador e cofundador da compañía Protecto d_Ruses, ademais de cunha ampla traxectoria como bailarín en compañías dentro e fóra de España, entre as que se atopa o propio Centro Coreográfico Galego, onde traballou nos espectáculos ‘Kiosco das almas perdidas’, de Roberto Oliván, e ‘Giseliña’, de Cisco Aznar.

Danza tradicional
Tamén actuou co CCG o bailarín e profesor de danza tradicional Iván Villar Agulleiro, quen formou parte do corpo de baile do espectáculo ‘Vacuo’, creado por Maruxa Salas. Membro da compañía Nova Galega de Danza, Villar será o encargado de incorporar a danza galega a esta oferta formativa a través do obradoiro que impartirá do 2 ao 6 de marzo a estudantes e bailaríns, tanto profesionais como afeccionados.

Xa en abril, entre os días 9 e 11 terá lugar o ‘Curso de danza barroca: perspectiva dramática e coreográfica’ a cargo da mestra estadounidense Catherine Turocy. Neste caso, ademais de a estudantes, profesores de danza e bailarín, o encontro ábrese a actores e cantantes. Recoñecida internacionalmente como unha das grandes coreógrafas e reconstrutoras das danzas barrocas, Turocy é integrante fundadora da Society for Dance History Scholars e os seus estudos e artigos teñen sido editados en numerosos manuais de historia da danza, así como en prestixiosas publicacións especializadas de todo o mundo.

Este primeiro programa cuadrimestral pecharase cun encontro arredor da investigación no ámbito da danza, que conducirá do 20 ao 24 de abril a profesora Ana Abad Carles, autora de ‘Historia del ballet y de la danza moderna’ e dunha tese doutoral sobre a contribución da muller ao desenvolvemento do ballet. Coreógrafa, historiadora e directora de proxectos académicos, a través deste curso achegaralles aos asistentes unha visión da investigación da danza desde a danza, partindo do feito coreográfico e de fontes coreográficas para desenvolver metodoloxías propias.

Comparte