Nova: Concerto de Brais Morais na súa nova etapa en solitario
28/01/2015
Concerto de Brais Morais na súa nova etapa en solitario
O músico coruñés, coñecido pola súa traxectoria á fronte da banda Loretta Martin, actuará no escenario compostelán ás 21.00 horas acompañado de Miguel Queixas á batería, Denís Morán ao baixo e Manu Seoane á guitarra
Tocará os temas propios e inéditos cos que arranca este novo proxecto máis rockeiro, co sinxelo ‘En paz’ como carta de presentación
Santiago, 28 de xaneiro de 2015.- O Salón Teatro de Santiago, espazo escénico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, será o escenario mañá xoves 29, ás 21.00 horas, do concerto de Brais Morán na que é a nova etapa en solitario do cantante e guitarrista do grupo Loretta Martin.
O músico coruñés presentarase en Compostela xunto a Miguel Queixas á batería, Denís Morán ao baixo e Manu Seoane á guitarra, a banda que o está a acompañar no inicio deste proxecto que, cun repertorio propio, busca reflectir a forza do rock como produto das vivencias experimentadas nestes últimos anos de carreira.
Rock en galego
O funk que caracteriza o seu traballo á fronte de Loretta Martin ou dos Jamiros, grupo tributo a Jamiroquai, dá paso agora a un universo musical paralelo, que afonda nunha faceta máis rockeira e nun son máis potente a través dunhas letras persoais e directas e da súa voz desgarrada. No Salón Teatro interpretará os temas propios e inéditos, escritos en galego, que está a tocar ante o público tras o lanzamento en outono do seu sinxelo ‘En paz’, a carta de presentación desta nova aventura musical.
As entradas para o seu concerto en Santiago poden adquirirse, a un prezo de oito euros, no despacho de billetes do Teatro Principal, hoxe de 18.00 a 21.00 horas, e mañá no do Salón Teatro, aberto ao público desde as 19.00 horas.
A programación na sede do Centro Dramático Galego continuará na fin de semana con tres funcións de ‘Kassa’, o novo espectáculo de teatro visual da compañía galega Elefante Elegante, que terán lugar o venres 30 e o sábado 31, ás 20.30 horas, e o domingo 1 de febreiro, ás 18.00 horas.