Nova: Estrea do documental A busca da mirada. 25 anos de cine galego
28/01/2015
Estrea do documental A busca da mirada. 25 anos de cine galego
O Gaiás acolleu a proxección desta produción dirixida por Teo Manuel Abad e que forma parte das accións conmemorativas da saída comercial en 1989 das tres primeiras longametraxes galegas: Urxa, Continental e Sempre Xonxa
Santiago, 28 de xaneiro de 2015.- Esta tarce foi a estrea do documental ‘A busca da mirada. 25 anos de cine galego’, froito da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Televisión de Galicia (TVG) e a Academia Galega do Audiovisual (AGA) como parte das accións promovidas conxuntamente para conmemorar o vixésimo aniversario do cinema galego, efeméride que se vén celebrando desde finais do pasado ano 2014, cando se cumpriu o vixésimo quinto aniversario da estrea comercial das tres primeiras longametraxes galegas de ficción: ‘Continental’, ‘Urxa’ e ‘Sempre Xonxa’.
Dirixido por Teo Manuel Abad, ‘A busca da mirada. 25 anos despois’ está realizado pola AGA, co apoio de TVG e da Consellería a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), co obxectivo de ofrecer unha visión da creación cinematográfica galega desde os seus comezos ata hoxe.
Na estrea, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, que estivo acompañado da directora da Televisión de Galicia, Rosa Vilas; do director da AGA, Antonio Mourelos; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e do director da Agadic, Jacobo Sutil.