Nova: Amplo programa de actividades nas bibliotecas para celebrar o Día da Ilustración

29/01/2015

Amplo programa de actividades nas bibliotecas para celebrar o Día da Ilustración

Obradoiros de banda deseñada, encontros con ilustradores, exposicións e mostras bibliográficas centran as propostas desta semana na Biblioteca de Galicia e nas bibliotecas centrais territoriais das cidades galegas

O Día da Ilustración incorporouse ao Calendario do Libro e da Lectura na data do 30 de xaneiro, coincidindo co nacemento de Daniel Rodríguez Castelao 

  • Cartel do Día da Ilustración 2015, de Miguelanxo Prado Cartel do Día da Ilustración 2015, de Miguelanxo Prado

Santiago, 29 de xaneiro de 2015.- Con motivo do Día da Ilustración, que se celebra o vindeiro 30 de xaneiro, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa nas bibliotecas de xestión autonómica diversas actividades de balde para convidar a grandes e pequenos a festexar esta data. Obradoiros de banda deseñada, faladoiros con ilustradores, exposicións e mostras bibliográficas conforman as propostas que a partir de mañá e durante os próximos días ofrecerán a Biblioteca de Galicia, as bibliotecas públicas de Ourense e de Lugo, e as bibliotecas públicas Miguel González Garcés da Coruña, Ánxel Casal de Santiago de Compostela, Juan Compañel de Vigo e Antonio Odriozola de Pontevedra.

Os obradoiros de ilustración e de banda deseñada serán os protagonistas da programación. Na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, o ilustrador Xosé Tomás será o encargado de impartir a actividade ‘Coñécete a través dos cadriños’, que terá lugar o sábado 31 de xaneiro ás 12 horas. Neste obradoiro, os nenos e nenas de 6 a 12 anos aprenderán diversos recursos de expresións e técnicas da ilustración para crear personaxes baseadas no seu contorno e realizar as súas propias historias.

‘As mil caras da ilustración’: faladoiro coa AGPI na Coruña
A biblioteca coruñesa tamén será o escenario do faladoiro ‘As mil caras da ilustración: novos campos e soportes para o traballo ilustrado’, que terá lugar o próximo venres 30 de xaneiro ás 19 horas. Nel, a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Marina Seoane, e os membros da entidade Alberto Guitián e Miguel Ruiz ‘Sekone’ abordarán os múltiples soportes e posibilidades da ilustración hoxe en día, entre os que se inclúen o libro ilustrado para o público infantil e adulto, o cartelismo, os formatos dixitais, o audiovisual ou a roupa.

A charla irá precedida da que será a primeira presentación do ‘Caderno AGPI 2015’, unha publicación que acaba de editar a asociación ao abeiro do convenio de colaboración asinado en 2014 coa Secretaría Xeral de Cultura. O caderno, no que participan artistas como Almudena Aparicio, David Pintor, Anxo Fariña, Manel Cráneo, Emma Ríos, Noemí López, Óscar Villán e Santy Gutiérrez, ten como obxectivos amosar unha colección de bosquexos realizados por socios e socias da AGPI, así como convidar a debuxar e a encher os seus espazos en branco cos bosquexos e apuntamentos de cada un.

Obradoiros e mostras bibliográficas na capital galega
En Santiago de Compostela, a Biblioteca de Galicia acollerá o sábado 31, de 17 a 19:30 horas, ‘Xogando coa arte’, un obradoiro no que rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos terán ocasión de coñecer os grandes autores da pintura a partir do libro ‘Jan estivo alí’, de Xosé A. Neira Cruz. A inscrición na actividade pode realizarse a través da páxina web da Cidade da Cultura de Galicia.

‘Xogando con Klee’ é o título, baixo o que se presenta o obradoiro de ilustración que acollerá a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, o xoves 29 de xaneiro ás 18:30 horas, no marco do programa de Voluntariado Cultural da Rede de Bibliotecas de Galicia. Nel, os nenos e nenas a partir de 4 anos terán ocasión de recrear, a través dun mural, un cadro do pintor Paul Klee. A inscrición para participar nesta actividade pode realizarse na propia biblioteca o no teléfono 881 999 401.

Ademais, a Ánxel Casal tamén ofrece, ata o sábado 31 de xaneiro, dúas mostras bibliográficas para conmemorar o Día da Ilustración: ‘129º aniversario do nacemento de Castelao’ e ‘Ilustradores galegos’.

Homenaxe a Castelao en Lugo
En Lugo, a biblioteca pública tamén convida a cidadanía a se achegar á vida e obra de Castelao a través dunha mostra bibliográfica que se poderá ver ata o 14 de febreiro. Ademais, o venres 30, ás 18 horas, convidará os máis novos a participar no obradoiro de ilustración ‘Mundos de papel’. Noemí López será a encargada de lles descubrir aos nenos e nenas de 4 a 12 anos enxeñosas técnicas para trasladar ao papel o imaxinario dunha historia. Para participar, cómpre inscribirse na sala infantil da biblioteca.

Actividades con Noemí López e Jacobo Fernández en Vigo
Noemí López tamén levará o seu obradoiro á Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo o próximo sábado 31 ás 12 horas. Xunto con esta actividade, a programación para celebrar o Día da Ilustración na Juan Compañel incluirá un obradoiro de banda deseñada a cargo da ilustradora María Villar, que terá lugar o mesmo día ás 12:30 horas, e que vai dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos. A inscrición para participar nas dúas actividades pode realizarse na propia biblioteca ou no teléfono 986 229 074.

Un encontro con Jacobo Fernández Serrano, o día 31 ás 12 horas, e unha exposición que reúne ata o 2 de febreiro as ilustracións máis representativas deste artista na súa obra ‘Marcopola, a illa remeira’ completan as propostas da biblioteca viguesa.

As técnicas do cómic en Ourense
Tampouco faltarán os obradoiros na Biblioteca Pública de Ourense, onde os rapaces e rapazas maiores de 12 anos, e os adultos, terán ocasión de aprender as técnicas e recursos necesarios para a confección dun cómic da man de Yago García, o sábado 31 ás 11:30 horas. Ese mesmo día e á mesma hora, os nenos e nenas de 5 a 12 poderán traballar diversas técnicas actuais de ilustración (debuxo, colaxe, etc.) co grupo Garabatos, que impartirá o obradoiro ‘Cores de inverno e ratos na biblioteca’. A inscrición pode realizarse na propia biblioteca.

Para a difusión dos seus fondos de banda deseñada, a biblioteca de Ourense organiza a exposición ‘Grandes ilustradores’, que se poderá visitar ata o vindeiro 7 de febreiro.

Obradoiro de debuxo e contacontos en Pontevedra
A programación de actividades, coas que a Consellería de Cultura e Educación convida a celebrar o Día da Ilustración, complétase coas actividades da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra, que o sábado 30, ás 18 horas, ofrecerá o obradoiro de debuxo e contacontos ‘Periplo interestelar’, unha homenaxe a Castelao a cargo de Polo Correo do Vento, para nenos e nenas a partir de 3 anos. A inscrición na actividade pode realizarse na biblioteca, no teléfono 986 850 838 ou a través de rbgalicia@xunta.es/pontevedra.

Castelao tamén será o protagonista da mostra bibliográfica que se poderá visitar na biblioteca, xunto co centro de interese ‘Ilustradores premiados co Andersen’, ata o vindeiro 14 de febreiro. Finalmente, cos préstamos efectuados o día 30 de xaneiro, a biblioteca repartirá cómics na sala de adultos e marcapáxinas na sala de infantil.

O Día da Ilustración na Axenda de Cultura
A programación de actividades que durante esta semana ofrecen as bibliotecas xestionadas pola Consellería de Cultura para celebrar o Día da Ilustración pode consultarse na Axenda de Cultura, en https://cultura.xunta.es/gl/axenda. Esta data é unha das conmemoracións que se inclúen no Calendario do Libro e da Lectura 2015, que está tamén accesible na páxina web cultura.gal.

Comparte