Nova: Elefante Elegante chega ao Salón Teatro co espectáculo visual Kassa

29/01/2015

Elefante Elegante chega ao Salón Teatro co espectáculo visual Kassa

A compañía galega aborda a temática da vivenda nunha montaxe inspirada en A metamorfose de Kafka e na que mestura teatro, danza e vídeo

Ofrecerá tres funcións para público xeral o venres 30 e o sábado 31, ás 20.30 horas, mailo domingo día 1, ás 18.00 h, ademais doutros tres pases matinais para escolares entre o luns e o mércores

  • Imaxe do espectáculo Kassa Imaxe do espectáculo Kassa

Santiago, 29 de xaneiro de 2015.- O Salón Teatro recibe o día 30 a compañía galega Elefante Elegante co seu último espectáculo, Kassa, proposta de teatro visual que se inspira en A metamorfose de Kafka para abordar a temática da vivenda. Teatro, danza e vídeo mestúranse nesta montaxe, da que se ofrecerán tres funcións para público xeral (o venres 30 e o sábado 31, ás 20.30 horas, e o domingo 1, ás 18.00 horas), ademais doutros tres pases matinais para centros escolares do luns 2 ao mércores 4.

Seguindo a singularidade que caracteriza os traballos desta formación fundada e dirixida por María Torres e Gonçalo Guerreiro, en Kassa a estrutura escenográfica, os actores, os bailaríns e as videoproxeccións constitúen –en palabras da propia compañía– “un organismo vivo, en constante movemento e transformación, que comunica a través dos sons, dos obxectos, das cores, das formas, das luces e dos textos”.

Soños rotos
A compra da vivenda como materialización dun desexo inculcado por unha sociedade sedutora e as posteriores dificultades que darán ao traste con este soño son os eixos temáticos desta produción, que se desenvolve arredor dos principios da escultura. Ademais, o emprego de técnicas como o ‘video-mapping’ ou o ‘live cinema’, así como a capacidade de xiro da escenografía, buscan dotar o espectáculo dun gran dinamismo que envolve o espectador na emoción dunha acción sen palabras.

María Torres e Gonçalo Guerreiro son os creadores e directores desta nova montaxe de Elefante Elegante, que eles mesmos interpretan xunto a Alfredo Muíño, Marta Alonso Tejada e Javier Pérez Piñón. Carlos Losada Soto é o deseñador da escenografía deste espectáculo, que conta tamén coas coreografías de Ánxela Blanco, o vestiario de Marcia Edleditsch, a iluminación, o son e os vídeos de Dani Paais, e a música de Mano Panforreteiro, Mónica de Nut, Suso Alonso, Iria Pinheiro, Juanma Ons, Manuel Ares, Kibitka, Carlos Suárez, Dani Pais e Gonçalo Guerreiro, entre outras achegas.

Kassa insírese na liña de traballo que define a traxectoria desta compañía galega desde a súa creación en 2007. Baseados no xesto e no movemento, os seus espectáculos de teatro visual buscan a universalidade a partir da fusión de diferentes linguaxes artísticas como o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais.

Cunha ducia de espectáculos producidos, a compañía tense presentado en escenarios de Portugal, Bélxica, Suíza, Francia e Italia, ademais de percorrer toda Galicia tanto coas súas propostas para público adulto como coas dirixidas aos espectadores máis novos. Precisamente unha das súas producións para público infantil, Nuncabunga, obtivo en 2013 o Premio María Casares do teatro galego ao mellor espectáculo.

Venda de entradas
As entradas para as tres funcións de Kassa en Santiago poden adquirirse tanto na billeteira do Teatro Principal, aberta ata o sábado de 18.00 a 21.00 horas, como na do Salón Teatro, desde dúas horas antes do comezo das actuacións. Este é, ademais, un dos espectáculos incluídos na oferta do Bono de Teatro Galego e Portugués que manteñen o Concello de Santiago e a Axencia Galega das Industrias Culturais. O Salón Teatro, o Teatro Principal e a Zona C forman parte desta iniciativa, que posibilita obter 5 entradas para 5 espectáculos por un total de 35 euros.

Comparte