Nova: Segunda edición do Certame de Canción de Autor en Galego
29/01/2015
Segunda edición do Certame de Canción de Autor en Galego
O premio inclúe a gravación dun disco, o pagamento da cota anual da Asociación de Músicos ao Vivo e unha xira promocional con cinco concertos en directo
Santiago, 29 de xaneiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, colabora un ano máis co Concello de Teo –entidade pertencente á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia- no Certame da Canción de Autor en Galego, que este ano chega á súa segunda convocatoria logo da importante acollida da iniciativa.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na rolda de prensa na que se se deu a coñecer o devandito concurso aos medios de comunicación, acompañado da concelleira de Cultura, Carme Hermida; do director artístico do proxecto, Xoán Curiel; do delegado de zona de Santiago de Gadisa, Román Roo; e mais da gañadora da primeira edición, Alba María.
García Gómez destacou a iniciativa e o éxito acadado na primeira edición “por canto supón para a dinamización da lingua galega na mocidade, ademais de para a música na nosa lingua propia e para a promoción dos noveis que apostan polo galego como ferramenta de creación artística”.
Bases do certame
Os obxectivos principais deste II Certame da Canción de Autor en Galego impulsado polo Concello de Teo coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, son contribuír á normalización lingüística da lingua galega nun eido importante para a difusión do idioma, presentar unha mostra das creacións galegas de autoría propia e ofrecerlles aos/ás cantautoras oportunidades para se daren a coñecer e desenvolveren así a súa carreira artística.
A el poderanse presentar todas as persoas autoras e interpretes noveis de cancións maiores de 15 anos que compoñan e interpreten temas musicais vocais inéditos e orixinais en lingua galega compostos en calquera estilo musical. Quen participe non poderá ter ningún disco editado profesionalmente nin contar con ningún contrato asinado cun selo discográfico a nivel individual. O/a autor/a deberá ser o/a intérprete e, ben poderá acompañarse dun instrumento, ou dun segundo músico instrumentista.
As bases precisan que non poderán participar artistas que gañasen o primeiro premio do certame en edicións anteriores e establece unha primeira fase de selección de oito finalistas que presentarán nunha segunda quenda os seus temas -ante un xurado cualificado- interpretados en directo nun evento público que se desenvolverá no Auditorio da Ramallosa o día 25 de abril.
Este xurado será o encargado de ditaminar o premio principal, ao que se suman dous accésits votados e outorgados polo público asistente ás oito presentacións. Os criterios de valoración incidirán na composición musical, na execución vocal e musical, na interpretación en directo e na orixinalidade. A inscrición, que é de balde, xestionarase desde o web institucional www.concellodeteo.com e o prazo de presentación está aberto ata o 29 de marzo de 2015.
Premio á mellor canción de autor/a en galego e accésits
O xurado ditaminará o premio á mellor canción de autor/a en galego, que consistirá na gravación de un EP de catro ou cinco cancións, dun máximo de 25 minutos de duración (con persoal técnico cualificado nos estudios Gourmet Sound da Coruña e co asesoramento técnico e artístico de profesionais); o deseño gráfico do EP físico; a cota anual da Asociación Galega de Músicos ao Vivo (entidade colaboradora) e a organización e promoción dunha xira de presentación do proxecto en diferentes localidades de Galicia, que incluirá cinco concertos.
Pola súa banda, o público asistente á segunda fase de selección no Auditorio da Ramallosa outorgará cadanseu accésit á canción máis orixinal e á/ao mellor artista.
Toda a información no enlace web http://www.concellodeteo.com/imxd/noticias/doc/1422539609CCAGT_-_Bases_2015.pdf.