Nova: A Fundación Laxeiro exhibe En tránsito, 120 paisaxes captadas en movemento

30/01/2015

A Fundación Laxeiro exhibe En tránsito, 120 paisaxes captadas en movemento

A artista viguesa María Galán recrea paisaxes captadas no momento

  • En tránsito, de María Galán En tránsito, de María Galán

Vigo, 30 de xaneiro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe ‘En tránsito’, da nova artista viguesa María Galán, unha mostra consistente en 120 pinturas que se poderá visitar até o vindeiro 5 de abril na sede da Fundación Laxeiro. Vázquez Abad destacou que se trata “da proposta dunha muller de mirada intensa e profunda, unha ollada que nos trae elementos moi nosos como a saudade e o devezo por descubrir espazos.”

O conselleiro explicou que a exposición se configura a través dunha serie de imaxes “marcadas pola liña do horizonte, que teñen como finalidade recuperar o valor do tempo transcorrido entre un punto de partida e un punto de chegada.” Así mesmo, afirmou que “de María Galán e da súa pintura aprendemos a ir máis alá da incerteza; a albiscar o que nos depara o paso seguinte, nun tempo no que todo parece cambalear para establecer un novo equilibrio.” “Creo sinceramente –aclarou o titular de Cultura− que hai unha invitación moi clara neste tránsito de María Galán a abrir novos camiños, co lóxico temor ao incerto, mais tamén coa confianza en que, acolá do horizonte, existe unha terra firme mellor e máis gratificante.”

Na súa intervención, o conselleiro tamén fixo alusión á actividade da Fundación Laxeiro, explicando que nesta “síntese moi vivo” o pulo do universal artista lalinense “que contribúe a engrandecer a figura dun dos nosos máis grandes creadores plásticos de Galicia”, e cualificou ao equipo da mesma como “un grupo humano capaz de traballar desde unha sensibilidade exquisita para configurar programas e materializar proxectos da calidade do que hoxe nos trae aquí”, en palabras de Vázquez Abad.

Ademais do conselleiro, no acto tamén participaron o secretario xeral e o director artístico da Fundación Laxeiro, Carlos García-Suárez Otero e Javier Pérez Buján, respectivamente; o concelleiro de Cultura de Vigo, Cayetano Rodríguez Escudero; e a propia artista, María Galán.

120 imaxes para a autoaprendizaxe
‘En tránsito’ é conceptuado pola súa creadora como un proxecto en progreso consistente en 120 pinturas que recrean paisaxes captadas en movemento. Trátase dunha mostra que medra ao tempo que a propia María Galán viaxa. Un devir continuo no que os lugares de partida e chegada semellan carecer de importancia do que só quedan paisaxes sen figuras, carentes de anécdota, esenciais na súa conceptuación, paisaxes baleiras e infinitas, cortadas pola liña do horizonte que funciona como fronteira e nexo entre o ceo e a terra.

Tal como acontece na novela de autoaprendizaxe, a artista acomete en ‘En tránsito’ un proxecto crecemento persoal e creativo, de xeito que os cadros, realizados todos eles con acrílico e lapis sobre taboleiro de DM, son todos eles metáforas que nos levan máis alá, lugares de paso e instantes que quedan atrás, subliñando un sentimento de soidade. As preocupacións estéticas e creativas de Galán inscríbense dentro da pintura figurativa e a tensión que esta xera entre a realidade e a ficción.
 

Comparte