Nova: A Xunta reactiva a proxección internacional da literatura galega na Feira do Libro de Frankfurt

23/10/2021

A Xunta reactiva a proxección internacional da literatura galega na Feira do Libro de Frankfurt

A Consellería de Cultura retoma as actividades exteriores de promoción do sector tras ter que ser paralizadas polas restriccións sanitarias da covid-19

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2021.- A Xunta de Galicia vén de retomar a súa actividade exterior de promoción do sector editorial coa súa presenza nunha das feiras do libro máis importantes do mundo, a Feira Internacional de Frankfurt, que se celebra estes días na cidade alemana.

Durante esta semana e ata mañá, o Goberno galego conta cun expositor propio, en colaboración coa Asociación Galega de Editores, no que teñen presenza varias editoriais como Kalandraka, Triquela Verde, Alvarellos Editora ou Arnoia (do Cumio), entre outras, e no que tamén están dispoñibles máis de 300 publicacións. O expositor galego está a servir, ademais, como punto de encontro para levar a cabo reunións comerciais nas que dar a coñecer a oferta, impulsar e reactivar o negocio editorial nos mercados exteriores e favorecer o contacto con axentes de todo o mundo.

A participación de Galicia nesta feira a través da Xunta e a Asociación Galega de Editores enmárcase no apoio da administración autonómica á proxección exterior do sector editorial galego. Nesta liña de actuación tamén se inclúe a participación noutras das principais citas do sector, como a Liber de Madrid hai unhas semanas, que se están a retomar de xeito progresivo tras ter que paralizarse polas restricións sanitarias provocadas pola covid-19.

Reconectar co público

Co lema Re:conect, a Feira do Libro de Frankfut ten este ano como país convidado a Canadá. Escritores, editores, impresores e distribuidores de libros acoden a este evento cultural, que acolle tamén encontros e mesas redondas sobre diversos temas de interese.

Feiras internacionais como estas son espazos estratéxicos de promoción, difusión e intercambio de produtos culturais galegos en diferentes ámbitos xeográficos de Europa e de América. A Xunta asume a organización, xestión e control de todas as actividades relativas ao posto promocional, persoal de atención aos visitantes, relatores, envío de material, preparación de eventos culturais, así como a edición de materiais promocionais.

Comparte