Nova: Os Premios da Cultura Galega 2021 recaen en Bernardino Graña, Antón Pulido, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, ‘Dígocho eu’, o Mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina
02/11/2021
Os Premios da Cultura Galega 2021 recaen en Bernardino Graña, Antón Pulido, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, ‘Dígocho eu’, o Mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina
O xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, reuniuse hoxe para distinguir os galardoados nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección exterior
O Goberno autonómico recoñece un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección cultural de Galicia
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021.- Bernardino Graña, Antón Pulido, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, o programa da CRTVG Dígocho Eu, o Mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina son os galardoados nos Premios da Cultura Galega 2021. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.
A Cidade da Cultura acolleu a reunión do xurado, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, así como profesionais de recoñecido prestixio, o director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez; a directora de programas da Radio Galega, Tania Fernández; a directora e editora de Hércules de Edicións, Laura Rodríguez e a historiadora da Arte e comisaria de exposicións, María García-Alén.
Con estes galardóns, a Xunta de Galicia premia un ano máis o labor creativo de Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos. Recoñécese a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia.
Bernardino Graña, Letras
Na modalidade de Letras o galardoado é Bernardino Graña. Poeta, narrador e articulista nacido en Cangas, foi catedrático de Lingua e Literatura de Educación Secundaria en diversos destinos, entre eles Reus, Guadix, Zaragoza, Padrón, Sarria e Cangas ata a súa xubilación na década dos 90. Desde mozo formou parte do consello de redacción da revista poética Alba. En Salamanca, nos anos 50, co profesor Rafael Lainez Alcalá, participou en revistas poéticas e no faladoiro Marabunda que organizaba recitais.
Participou tamén como articulista en La Noche e no Faro de Vigo, ademais de colaborar como ensaísta noutras publicacións como Vieiros, Grial ou Ágora. Foi parte das Festas Minervas e como tal, en 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid. Bernardino Graña foi impulsor, ademais, en 1971, do primeiro intento dun centro PEN Galicia con Eduardo Blanco Amor e, entre outros, Méndez Ferrín, aínda que non prosperou e houbo que esperar ata finais da década dos 80 para formalizar o PEN Galicia. O 12 de xuño de 2010 entrou a formar parte da Real Academia Galega (RAG).
Antón Pulido, Artes Plásticas
No campo das Artes Plásticas o Premio da Cultura Galega 2021 é para un dos grandes nomes da creación plástica de Galicia, o ourensán Antón Pulido, pertencente a unha xeración de artistas galegos que se mostran en plena madurez da súa traxectoria creadora. Os inicios da súa formación tiveron lugar en Ourense ata que se trasladou a Barcelona, onde se licenciou en Belas Artes na Escola Superior de San Jordi, na especialidade de pintura e gravado.
Desde a súa primeira exposición en 1971 en Ourense participa frecuentemente en colectivas en Galicia e Cataluña. Ademais, realizou mostras por todo o mundo, entre as que destacan as de Shanghai, Beijing ou Seúl. Traballou en Vigo, onde foi profesor de debuxo de Bacharelato, ata que se mudou a Santiago de Compostela onde tamén foi director xeral de Cultura da Xunta de Galicia nos primeiros anos 90 e primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en 1994. Alí levou a cabo algunhas das exposicións máis prestixiosas de España ao longo dos anos noventa. Ademais, puxo en marcha o departamento de música contemporánea do CGAC e reformulou a programación artística da Casa da Parra en Santiago de Compostela. Recibiu o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo en 2015.
Nova Galega de Danza, Artes Escénicas
En Artes Escénicas o recoñecemento é para Nova Galega de Danza, xurdida a finais dos anos 80 cando os bailaríns Vicente Colomer e Jaime Pablo Díaz buscaban novas formas de expresión que fusionasen a tradición folclórica de raíz galega coa danza contemporánea. Xuntos conseguiron con Sinerxias o segundo Premio do I Certame de Creación Coreográfica de Galicia, o cuarto Premio no I Maratón de Danza de Madrid, e quedaron finalistas no Certamen Nacional de Danza Española y Flamenco de 2002.
Foi en 2003 cando se realizou a primeira montaxe asinada como Nova Galega de Danza, Alento, á que seguiron Engado (2006), Tradición (2008), Dez (2013), Son (2016) e Leira (2021). Nova Galega de Danza naceu coa vocación de innovar e, ao mesmo tempo, poñer en valor a rica tradición de baile en Galicia. Conseguiron neste tempo facerse un sitio importante nos escenarios e, á vez, conxugar o aplauso do público e da crítica especializada apostando pola indagación e a experimentación nas formas, na estética e tamén na música, que os adoita acompañar en directo.
Natalia Lamas, Música
Os Premios da Cultura Galega 2021 distinguen no eido da música á pianista Natalia Lamas. Esta artista ferrolá de prestixio internacional é presidenta da asociación de Amigos de la Ópera da Coruña, a entidade lírica máis antiga de cantas organizan en España temporadas de ópera. Actuou en escenarios de medio mundo e compaxinou a súa faceta como concertista coa docencia. Foi directora do Conservatorio de Música da Coruña e pola súa actividade docente pasaron moitos dos compositores e intérpretes de piano formados nos conservatorios de Galicia.
Dirixiu o Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol e, ademais, foi recoñecida coa Medalla Castelao da Xunta de Galicia en 2003 polas súas contribucións á cultura en Galicia.
Zaza Ceballos, Audiovisual
O galardón en Audiovisual é para Zaza Ceballos, produtora, escritora, directora cinematográfica galega e unha das pioneiras do audiovisual en Galicia. Estudou Lingua e Literatura nos Estados Unidos e Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Destaca tanto o seu traballo na Televisión de Galicia como os seus proxectos a través da produtora Zenith Televisión SA, da que é fundadora, coa que desenvolveu, entre outros, un proxecto que incluía a realización de varias películas biográficas de mulleres históricas e relevantes de Galicia como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Rosalía de Castro.
En 1985 comezou a traballar na Televisión de Galicia, con diversos postos de responsabilidade, atendendo aos principais mercados e foros internacionais e proxeccións en festivais de cine. En 1998 fundou Zenith Televisión, onde actualmente é a directora e produtora executiva. Tamén é profesora de creación no Mestrado de desenvolvemento e distribución de contido audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo. Recibiu a Medalla Emilia Pardo Bazán 2021 polo seu labor centrada no recoñecemento á muller.
‘Dígocho eu’, Lingua
En Lingua o premiado é o programa Dígocho eu. Trátase dunha exitosa iniciativa a través da que se resolven dúbidas sobre lingua galega de maneira sinxela e eficaz a través de micropezas audiovisuais na CRTVG, presentado por Esther Estévez.
Emprégase unha linguaxe comunicativa moderna que conecta co público de todas as idades. Desde a súa posta en marcha, a difusión do espazo, a través da TVG e as súas redes sociais, contribúe tanto a mellorar o uso oral e escrito da nosa lingua como a que os falantes coñezan a riqueza da lingua galega.
Mosteiro de San Pedro de Rocas, Patrimonio Cultural
O galardón na modalidade de Patrimonio Cultural recae no Mosteiro de San Pedro de Rocas, probablemente o conxunto cenobítico mais antigo de Galicia, ademais de ser un singular exemplo de igrexa rupestre, escabada na rocha viva na Ribeira Sacra. Situado na parroquia de Rocas, concello de Esgos, ocupa unha superficie de arredor de 30 hectáreas no que foi un convento creado no século VI. É o único cenobio que mostra pegadas e elementos materiais que denotan a máis antiga vida eremítica do noroeste peninsular e que, ademais, evidencia culto pagán prehistórico, precedendo en varios séculos ao culto cristián, pegadas, restos arqueolóxicos e materiais que se conservaron ao longo do tempo.
É, ademais, unha das xoias naturais, paisaxísticas, medioambientais, históricas, arqueolóxicas, artísticas e antropolóxicas do conxunto da Ribeira Sacra mais destacadas, sendo o conxunto monumental máis visitado da Ribeira Sacra e un dos tesouros patrimoniais máis importantes da provincia de Ourense. San Pedro de Rocas é Patrimonio Histórico desde 1923, e Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de Paisaxe Cultural, desde 2018. Propiedade da Deputación Provincial de Ourense, celebrarase en 2023 o seu centenario como monumento nacional.
Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, Proxección Exterior
Por último, o Premio Cultura Galega 2021 de Proxección Exterior é para a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FSG), unha das máis importantes organizacións non mutualistas da emigración galega en Arxentina e impulsora, entre outras iniciativas, da editorial Alborada. Fundada en outubro de 1921, un dos primeiros acordos aos que chega a xunta directiva é a creación dun órgano de expresión propio, do que xorde El Despertar Gallego, que publicará o primeiro número o 1 de xaneiro de 1922, baixo a dirección do galeguista Antón Alonso Ríos. Tivo tan boa acollida que foi aumentando a súa periodicidade ata que adquiriu o nome definitivo de Galicia. Órgano Oficial de la Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, que chegou a ser dirixida por Eduardo Blanco Amor, un dos seus colaboradores máis asiduos, xunto a outras destacadas figuras como Luís Seoane, Ramón Suárez Picallo, Avelino Díaz, Alfredo Baltar ou Ramón de Valenzuela.
A Federación tamén desenvolveu unha destacada actividade editora, iniciada en 1939 coa publicación do poemario A gaita a falare, de Ramón Rey Baltar, e da antoloxía poética de Rosalía de Castro Poemas gallegos. Consolídase en 1949 coa creación da editorial Alborada, selo que se inaugura cos libros Cos ollos do noso espírito, primeira obra editada de Francisco Fernández del Riego, e Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, de Plácido R. Castro, Lois Tobío Fernández e F. M. Delgado Gurriarán. Unha das iniciativas máis recentes da Federación é a creación do Museo da Emigración Galega na Arxentina.