Nova: A Xunta reafirma o seu apoio ao libro e a lectura cunha partida de preto de 4M€ nos orzamentos de 2022

03/11/2021

A Xunta reafirma o seu apoio ao libro e a lectura cunha partida de preto de 4M€ nos orzamentos de 2022

A achega do Goberno galego favorecerá a proxección exterior do sector así como o lanzamento de ordes de axudas e a adquisición de novidades editoriais

As bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta súmanse á programación da Fundación Neira Vilas cun amplo abano de actividades para todos os públicos

Vila de Cruces (Pontevedra), 3 de novembro de 2021.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, participan hoxe na Fundación Neira Vilas nas actividades conmemorativas do Día do Lector, unha efeméride que se celebra cada 3 de novembro coincidindo coa data de nacemento de Xosé Neira Vilas e que por primeira vez se inclúe no calendario do libro e da lectura de Galicia. Nos actos, que incluíron a presentación da programación e que continuarán esta tarde cunha lectura e a entrega do galardón VI Premio Xosé Neira Vilas, os representantes da Xunta de Galicia reafirmaron o apoio do Goberno galego ao libro, a lectura e as bibliotecas, que se materializa nunha partida de aproximadamente 4M€.

Así, tal e como lembraron, a través desta achega fomentarase a súa proxección exterior, celebraranse as feiras do libro en Galicia, apoiarase a adquisición de novidades editoriais e a compra de licenzas de libro electrónico e manteranse as ordes de axudas e subvencións e os convenios coas entidades do sector. Así mesmo, impulsarase o Plan de Dinamización da Lectura de Galicia.

Do mesmo xeito, en materia de bibliotecas e arquivos, o orzamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para 2022 inclúe a continuación do proxecto de Memoria Dixital de Galicia cun forte investimento na dixitalización de documentos e a presentación do II Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia. Ao seu abeiro manteranse tamén as diferentes liñas de apoio para a mellora das coleccións das bibliotecas públicas e da plataforma de préstamo GaliciaLe.

Premio de novela curta

O Día do Lector celébrase tamén nas bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta de Galicia cunha programación de actividades para todos os públicos, integrando tamén as accións previstas na sede da fundación que leva o nome do autor de Memorias dun neno labrego.

Recomendacións dos lectores

Así, a Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo situou un centro de interese na sala de préstamo cos libros máis lidos ou demandados nos últimos anos. Ademais, publicarán nas súas redes sociais recomendacións literarias dos usuarios cos cancelos #Díadolector e #lectoresrecomendan. No caso da Biblioteca Pública de Pontevedra tamén se habilitou un espazo destas característica, tras compilar as lecturas predilectas dos usuarios.

Pola súa banda, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña estende ata o 27 de novembro a súa conmemoración do Día do Lector a través dunha mostra bibliográfica para conmemorar o nacemento de Xosé Neira Vilas, cunha selección de libros, artigos de revistas, películas do fondo bibliográfico da biblioteca, con información e documentación sobre a súa vida e a súa obra.

No caso da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela programouse para o vindeiro día 6 o contacontos O xardín de Irene, arredor do libro do mesmo nome de Neira Vilas, da man de Soledad Felloza. Por último, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, agasalla hoxe con libros aos usuarios.

VI Premio Xosé Neira Vilas

Na xornada de hoxe tamén se fará entrega do premio VI Premio Xosé Neira Vilas que na edición deste ano é para a obra Off The Record, do profesor de Dereito Penal Virxilio Rodríguez Vázquez, da que o xurado destacou a súa estrutura ao alternar o relato en primeira persoa e as informacións que achegan testemuñas nunha gravadora, e a súa pulcritude estilística. O galardón está dotado de 1.000 euros e a obra seleccionada será publicada a través de Edicións Embora.

Comparte