Nova: A performance Atlas abre o festival Escenas do cambio no Gaiás

04/02/2015

A performance Atlas abre o festival Escenas do cambio no Gaiás

Cen cidadáns sen experiencia previa no teatro subiranse ao escenario para participar nun espectáculo estreado en cidades como París, Rio de Janeiro, Milán ou Londres

Museo Centro Gaiás converterase nunha gran praia en Vontade de Ter vontade, peza na que Cláudia Dias reflexiona sobre identidade e territorio

  • Performances do festival 'Escenas do cambio' Performances do festival 'Escenas do cambio'
  • Performances do festival 'Escenas do cambio' Performances do festival 'Escenas do cambio'
  • Performances do festival 'Escenas do cambio' Performances do festival 'Escenas do cambio'

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2015.- Cen cidadáns de Compostela sen experiencia previa no teatro subirán hoxe mércores ao escenario do Museo Centro Gaiás para dar vida a unha gran performance que inaugurará Escenas do cambio. Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción. Baixo a dirección artística de Pablo Fidalgo e promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Escenas do cambio prolongarase ata o 21 de febreiro na Cidade da Cultura coa implicación do público, a experimentación e novidosas linguaxes e formatos como sinais de identidade.

A política, o compromiso da arte, a realidade social ou a memoria individual, dos países e histórica serán algunhas das temáticas que ofreza un festival que ofrecerá dezasete espectáculos, catro conferencias-performances e varios grupos de reflexión que aborden diferentes aspectos, problemas e retos das artes escénicas.

Estrea con dúas producións lusas
Os artistas portugueses Ana Borralho e Joao Galante serán os encargados de estrear a Sala I do Museo Centro Gaiás subindo ao escenario a cen persoas de Santiago de Compostela sen experiencia previa no teatro.

Tras a convocatoria realizada pola Cidade da Cultura e unha semana de ensaios previos, os cen voluntarios darán corpo a partir das 20:30 horas a ese atlas da xeografía humana co que Borralho e Galante chaman á revolución silenciosa. Estreada en cidades como París, Rio de Janeiro, Milán ou Londres, ‘Atlas’ chega a Santiago para tecer un manifesto colectivo, dando voz a xente común e traballando con eles con paciencia, respecto e verdade.

Previamente, na Sala II, a tamén portuguesa Cláudia Dias, unha das performers máis importantes da última década, converterá a partir das 18:30 horas o Museo Centro Gaiás nunha praia con ‘Vontade de ter vontade’, onde reflexiona sobre identidade e territorio.

O primeiro día complétase coa primeira das conferencias que integran este festival, a impartida pola coreógrafa Olga Mesa baixo o título de ‘Principio de… Vocabulario en la frontera de la visión” e que terá lugar ás 17 horas na Aula Seminario do Gaiás con entrada de balde.

Xunto coa necesidade de ofrecerlle novas propostas ao público, ‘Escenas do cambio’ trata de ser un lugar de confluencia de profesionais do sector das artes escénicas. Por iso, conta con varios grupos de reflexión que serven de acompañamento a festival, e que terán lugar na primeira semana. Esta parte máis profesional do festival arrancará de mañá cun grupo de reflexión dedicado aos xestores culturais que estará dirixido por dous grandes da escena nacional: Olga Mesa e Xesús Ron. De forma paralela, ‘Escenas do cambio’ dedicará un espazo para novos artistas baixo a coordinación de Cláudia Dias e Idoia Zabaleta.

Entradas a 8 euros
As entradas para todas as funcións do festival están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e www.servinova.com a un prezo de 8 euros, excepto as obras ‘El triunfo de la libertad’ de La Ribot, ‘Mis Documentos’ de Lola Arias e a actuación musical de Mónica de Nut, que son de balde. Para estas tres últimas será preciso retirar invitación no Museo Centro Gaiás a partir do 3 de febreiro, cun máximo de dúas entradas por persoa.

Escenas do cambio ofrece tamén unha oferta 4x3 (asiste a catro funcións e paga tres) por 24€. Esta última opción só está dispoñible a través do teléfono de servinova 902 504 500.

Escenas do cambio, ao igual que todas as actividades do programa cultural da Cidade da Cultura, conta co patrocinio privado da Fundación Gaiás.

Comparte