Nova: Román Rodríguez destaca que a Xunta se implicará de cheo na conmemoración do ano Laxeiro en 2022

17/11/2021

Román Rodríguez destaca que a Xunta se implicará de cheo na conmemoración do ano Laxeiro en 2022

O conselleiro de Cultura participa nos actos organizados pola Real Academia Galega de Belas Artes como peche da homenaxe a Domingo de Andrade

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe nos actos de celebración do Día das Artes Galegas, organizado pola Real Academia de Belas Artes, que tanto o ano pasado como este está dedicado a Domingo de Andrade. O representante da Xunta referiuse á oportunidade que está a supoñer esta dupla homenaxe para divulgar a figura dun arquitecto que realizou “unha maxistral transformación” en Santiago de Compostela, pero tamén en Lugo, Tui e A Coruña ou espazos fundamentais para o Camiño de Santiago.

Román Rodríguez referiuse, ademais, ao vindeiro creador galego co que se festexará esta efeméride, Laxeiro, que protagonizará os actos do Día das Artes Galegas de 2022. Como dixo, entre Domingo de Andrade e Laxeiro “parece non existir demasiadas similitudes no que á súa produción se refire, pero hai unha característica que os fai equiparables: ambos conseguiron renovar o imaxinario artístico do seu tempo”. Tamén salientou a capacidade de ambos para “contribuír a dotar a Galicia dun lugar destacado na xeografía creativa tanto nacional como continental”.

Programación específica

O titular de Cultura da Xunta referiuse a Laxeiro como un “autor moderno fundamental” cuxa elección para festexar en 2022 este día “expresa fantasticamente a idea que manifestan todas as nosas artes creativas: a da innovación e o inconformismo, o vínculo entre a tradición e a modernidade e a pegada persoal”.

Neste sentido, detallou que a Xunta traballa xa no Ano Laxeiro a través dunha programación cultural específica, completa e diversificada que poña en valor o seu legado no marco do 25 aniversario do seu pasamento. Expresou a importancia de divulgar e promover o traballo deste artista lalinense “cun ano enteiro de celebración da súa xenialidade para que o seu traballo goce da proxección que merece”.

Comparte