Nova: Román Rodríguez destaca a modernización do Museo Manuel Torres, en Marín, en cuxa rehabilitación a Xunta vén de investir 45.000€

19/11/2021

Román Rodríguez destaca a modernización do Museo Manuel Torres, en Marín, en cuxa rehabilitación a Xunta vén de investir 45.000€

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e a alcaldesa da localidade comproban o resultado das obras acometidas nesta pinacoteca

Marín (Pontevedra), 19 de novembro 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, comprobou esta tarde as melloras acometidas no Museo Municipal de Marín, logo do remate da obras de rehabilitación integral acometidas pola Xunta de Galicia ao abeiro dun convenio co Concello.

Con motivo da presentación da nova imaxe deste centro museístico, Román Rodríguez destacou o “proceso de modernización” á que foi sometida esta pinacoteca que honra a memoria do pintor Manuel Torres, ao tempo que loou a importancia da colaboración entre administración “como o acordo que asinamos entre a Xunta e o Concello” para levar adiante proxectos “ao servizo dos cidadáns e da cultura”.

O Goberno galego, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, financiou integramente a rehabilitación da pinacoteca, o que supón a modernización deste edificio despois de máis de tres décadas en funcionamento así como un mellor aproveitamento con novos usos e actividades complementarias para poñer en valor a figura do pintor Manuel Torres.

As obras de mellora incluíron a creación dunha nova identidade gráfica, o pintado xeral do interior, a renovación de servizos eléctricos e a instalación de nova iluminación no salón de actos, o redeseño da fachada exterior e a colocación de nova rotulación, a intervención estética nas escaleiras con vinilo, a dotación de paredes móbiles para crear un espazo polivalente orientado a exposicións, a apertura de ocos de luz natural e ventilación, o forrado da tarima e a instalación dunha traseira de escenario panelada en madeira e a adquisición de novo mobiliario para a sala central.

Comparte