Nova: O futuro Arquivo Histórico de Ourense difundirá o legado de artistas plásticos

04/02/2015

O futuro Arquivo Histórico de Ourense difundirá o legado de artistas plásticos

Cultura asinará coa Fundación Quesada un convenio de carácter temporal e renovable que permitirá expoñer na nova sede de San Francisco

  • Imaxe do claustro de San Francisco en Ourense Imaxe do claustro de San Francisco en Ourense

Santiago, 5 de febreiro de 2015.- As obras de construción do futuro Arquivo Histórico Provincial de Ourense na súa nova sede de San Francisco permitirán, ademais da ampliación e mellora da carta de servizos arquivísticos desta institución, contar cun espazo para a difusión cultural que poderá ser utilizado para expoñer o excepcional patrimonio artístico dos creadores ourensáns. Este proceso terá a súa primeira concreción coa sinatura dun convenio entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Quesada por medio do que se poderá amosar no AHPOU o xenio dos Quesada.

Un proceso de difusión cultural en marcha
A Fundación Quesada foi creada para difundir a obra de Xaime Quesada Blanco, así como a do seu pai, Xaime Quesada Porto, artistas xa falecidos e de gran relevancia no panorama galego e español contemporáneo, e actualmente carece dun lugar para levar a cabo un programa expositivo que reúna e mostre o seu rico fondo pictórico, con 400 obras xa catalogadas.

Á vista da situación, a Fundación Quesada solicitou formalmente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a disposición dun espazo, de carácter provisional, para desenvolver un programa de exposicións na cidade de Ourense.

Posta en coñecemento desta circunstancia a Secretaría de Estado de Cultura do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte −de quen depende a obra do novo Arquivo Histórico−, esta autoriza sen ningún tipo de reparo que a Consellería de Cultura e Educación, cando reciba a xestión do novo Arquivo de Ourense en San Francisco, poida asinar un convenio de colaboración coa Fundación Quesada.

De carácter temporal e renovable
Esta avinza, de carácter temporal e renovable por acordo das partes asinantes, terá como finalidade a realización dun programa expositivo nas instalacións do novo Arquivo, mediante o cal se poñerá en valor e se difundirá entre a cidadanía o rico legado de ambos os dous artistas ourensáns.

Con este tipo de actuacións, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia contribúe a outorgarlle visibilidade a fondos artísticos valiosos que non teñen unha clara presenza pública nos diversos espazos culturais galegos, neste caso na provincia de Ourense, lugar de nacemento e de traballo de xeracións de sobranceiros creadores plásticos de indubidable valor para a cultura galega e universal.

Comparte