Nova: Patrimonio Cultural informa favorablemente á posta en valor da Fortaleza do Castro e musealización das galerías por parte do Concello de Vigo
15/12/2021
Patrimonio Cultural informa favorablemente á posta en valor da Fortaleza do Castro e musealización das galerías por parte do Concello de Vigo
A autorización dos técnicos autonómicos está suxeita á presentación dunha proposta modificada no que atinxe aos informes de arquitectura e arqueoloxía
Vigo, 15 de decembro de 2021.- A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de informar favorablemente a posta en valor da Fortaleza do Castro e musealización das galerías a proposta do Concello de Vigo. A autorización por parte do departamento autonómico está suxeita a unha serie de condicionantes no que atinxe ás materias das súas competencias. Segundo recolle a resolución, os técnicos municipais deberán remitir unha proposta modificada no que respecta aos informes de arquitectura e arqueoloxía.
O obxectivo, indican, é modificar certas partes da proposta concreta de intervención dado que non acadan un obxectivo respectuoso co elemento que se pretende poñer en valor, co resultado dunha perda do sentido intrínseco do mesmo.
Na opinión dos técnicos de Patrimonio Cultural, elementos como o volume de aceiro corten no acceso exterior, a estrutura museográfica interior inspirada nas cadernas dun barco ou as dúas pezas de madeira e aceiro a modo de caderna tombada nas entradas ao recinto, “non se poden considerar como pouco invasivas”. Asemade, engaden, que “non está suficientemente xustificada a súa necesidade desde o punto de vista museográfico”, polo que instan a valorar outras alternativas.
Non lle ven reparo ás actuacións de rehabilitación e consolidación da galería soterrada -as sete pezas de aceiro corten e a iluminación da senda de xabre perimetral-, aínda que advirten que calquera actuación neste sector que implique remocións de terra deberá estar condicionada á realización dunha intervención arqueolóxica. Deberá tamén definirse o contido das pezas de aceiro a modo de baluartes.
En todo caso, dado que certas partes da intervención non acadan un obxectivo respectuoso co elemento que se pretende poñer en valor, “co resultado dunha perda do sentido intrínseco do mesmo”, emprazan ao Concello de Vigo a remitir unha proposta modificada en varios dos seus aspectos, quedando a autorización definitiva da intervención supeditada á emisión do correspondente informe favorable polos servizos técnicos da Xefatura Territorial.