Nova: Escenas do cambio presenta o debut en España do coreógrafo Marcelo Evelin
06/02/2015
Escenas do cambio presenta o debut en España do coreógrafo Marcelo Evelin
Este nome propio da danza contemporánea converte o Gaiás nun ring onde, na escuridade, bailaríns e público comparten espazo e reflexionan sobre a multitude
A xornada de hoxe conta con tres grandes contadores actuais: Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez ‘Guti’, que presentan en Santiago a súa última creación Os contos de Joselín
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2015.- Marcelo Evelin, un dos creadores brasileiros máis recoñecidos da danza contemporánea, fará hoxe no Gaiás o seu debut en España no marco do festival Escenas do cambio, promovido pola consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Será ás 20:30 horas no Museo Centro Gaiás coa obra ‘De repente fica tudo preto de gente’, baile tribal e contemporáneo que supón un canto de amor ao corpo, á fisicalidade e á orixe do mundo.
En ‘De repente fica tudo preto de gente’, Marcelo Evelin converte o Museo Centro Gaiás nunha especie de ring de boxeo onde, na escuridade, bailaríns e público comparten espazo. Sobre a base das ideas levadas a cabo por Elias Canetti en Masa y poder, a metáfora da multitude como un lugar para a liberdade emerxe como as diferentes partes da peza que se xuntan.
Tras pasar por La Bâtie de Xénova, Tanz Im August, Zürcher Theater Spekatakel, Panorama Rio de Janeiro ou TransAmériques Montréal, a peza chega agora a Santiago de Compostela con cinco artistas de diferentes partes do mundo (Teresina, Kyoto, Sao Paulo, Ipatinga e Amsterdam) retorcéndose vigorosamente, movéndose a través do espazo como unha masa palpitante impredicible e rítmica. A mensaxe de fondo: todos somos iguais, ningunha raza ou xénero. Todo o mundo é un lugar de encontro. Por que e como unirse á xente?
Homenaxe aos contos populares
A xornada do venres conta tamén con tres imprescindibles da escena galega: Quico Cadaval, Celso Sanmartín e José Luis Gutiérrez ‘Guti’ con ‘Os contos de Joselín’. Historias de mortos, de caciques, de curas, de personaxes singulares… O espectáculo recolle a tradición popular dos contacontos a través da figura de Joselín, o narrador galego de máis éxito de todo o século XX.
Cadaval, Celso e Guti funden as súas narrancións e dan renda solta á súa capacidade de improvisación narrativa abordando temas de actualidade e establecendo, en colaboración co público, un circuíto de información alternativo.
A terceira xornada do festival complétase coa conferencia da coreógrafa e bailarina María Muñoz, que a partir das 17:00 horas, estará na Aula Seminario do Museo Centro Gaiás impartindo unha charla sobre L’animal a l’esquena, centro de investigación sobre a linguaxe artística, contemporánea, lugar de reflexión e formación, iniciativa para dinamizar a relación entre artistas e público e, finalmente, “refuxio temporal” no que a diversidade quere ser recoñecida como un valor fundamental.
Ana Vallés e Roger Bernat no programa do xoves
A xornada do xoves contou co “teatro de emersión” de Roger Bernat como protagonista, co público asistente a ‘Pendiente de voto’ (Museo Centro Gaiás, 20:30 horas) convertido en improvisados deputados que deberán elixir a cor política que goberne.
Antes de Bernat, o Museo Centro Gaiás recibiu a unha compañía indispensable para entender o teatro galego do século XXI: Matarile Teatro. Ana Vallés subiu ao escenario con ‘Teatro invisible’, máis que unha obra unha declaración de principios, un encontro artístico directo co público.
Xunto ás pezas artística, Escenas do Cambio contou coa presenza de Thomas Walgrave, director do Alkantara Festival de Lisboa, un dos festivais de teatro máis importantes da actualidade, do que fixo unha breve descrición desde o seu nacemento como un evento puntual ata a súa transformación en plataforma de danza contemporánea primeiro e o actual festival internacional e interdisciplinar.
Entradas a 8 euros
As entradas para todas as funcións do festival están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e www.servinova.com a un prezo de 8 euros. Escenas do cambio ofrece tamén unha oferta 4x3 (asiste a catro funcións e paga tres) por 24€. Esta última opción só está dispoñible a través do teléfono de servinova 902 504 500.