Nova: Centros educativos da Pobra do Caramiñal e de Pontevedra gañan o concurso Letras Galegas 2015

05/02/2015

Centros educativos da Pobra do Caramiñal e de Pontevedra gañan o concurso Letras Galegas 2015

Os proxectos escolares ‘Traballando co vello profesor’ do CEP Salustiano Rey Eiras e ‘Filgueira rima con Armenteira’ do EPA Río Lérez chegarán a máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior para difundir a figura de Xosé Fernando Filgueira Valverde

Preténdese implicar a comunidade educativa na celebración das Letras Galegas e potenciar o coñecemento da obra do autor homenaxeado, así como da situación sociolingüística e da época histórica que lle tocou vivir

  • Xosé Filgueira Valverde, Día das Letras Galegas 2015 Xosé Filgueira Valverde, Día das Letras Galegas 2015

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2015.- O CEP Salustiano Rey Eiras da Pobra do Caramiñal (A Coruña) e a EPA Río Lérez de Pontevedra resultaron os centros de ensino gañadores do Concurso-Escolar Letras Galegas 2015 -nas categorías de educación infantil e primaria e de educación secundaria e bacharelato, respectivamente-, convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo pública esta mañá a resolución deste certame escolar que ten como finalidade implicar a comunidade educativa na celebración das Letras Galegas e potenciar o coñecemento da obra do autor homenaxeado, Xosé Fernando Filgueira Valverde, así como da situación sociolingüística da época histórica que lle tocou vivir.

As dúas coleccións de 10 carteis elaboradas por estes centros para unha exposición arredor da figura do autor homenaxeado o próximo 17 de maio serán imprimidas e distribuídas pola Consellería, acompañadas de cadansúa guía didáctica explicativa, en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior (centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, concellos da Rede de Dinamización Lingüística e bibliotecas). Os grupos de traballo que participaron na súa confección recibirán ademais un premio en metálico por importe de 2.500 euros cada un.

Difusión da figura de Filgueira Valverde
O departamento de Educación da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, contribúe cada ano á conmemoración do Día das Letras Galegas con este concurso-exposición arredor da figura homenaxeada o 17 de maio, nesta ocasión, Xosé Fernando Filgueira Valverde.

Con esta iniciativa, a Consellería busca impulsar o estudo da obra de Filgueira Valverde, favorecer a reflexión sociolingüística sobre o contexto histórico e sociolingüístico que lle tocou vivir, incentivar a realización de actividades que fomenten a colaboración multidisciplinar e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado e ampliar a oferta de materiais existentes en lingua galega, promovendo a súa divulgación como referentes para a creación doutros.

Material de apoio para o ensino
As dúas exposicións gañadoras –“Traballando co vello profesor”, do CEP Salustiano Rey Eiras, e “Filgueira rima con Armenteira”, da EPA Río Lérez- constitúen tamén un material complementario de grande interese para as aulas de Lingua galega e literatura e mais un apoio para o labor de aprendizaxe, promoción e valoración social do idioma propio de Galicia que realizan os equipos de dinamización da lingua galega (EDLG).

Letras Galegas en lingua.gal 
Nas próximas semanas, as exposicións gañadoras do concurso e as correspondentes guías didácticas poderán verse tamén no web institucional www.lingua.gal, da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A canda elas, ata o 17 de maio iranse dando a coñecer outras ferramentas, actividades e materiais divulgativos elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega para conmemorar a festa das Letras e homenaxear a Xosé Filgueira Valverde.

Comparte